A oposición reprocha a Feixoo os recortes na sanidade e instan a dotala de material

Feixoo recoñece que ao comezo da emerxencia houbo "un éxodo" de Madrid a Galiza.
OLYMPUS DIGITAL CAMERA

A Deputación Permanente do Parlamento Galego reuniuse onte nunha Cámara practicamente baleira por mor da crise da COVID-19. Só 12 dos 22 membros que compoñen a Deputación estiveron presentes. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, informou das medidas adoptadas polo Goberno galego e negou que o seu Executivo realizara recortes na sanidade pública fronte ás críticas da oposición, que lle recordaron as deficiencias que as e os profesionais sanitarios están a denunciar na loita contra o virus. 

A sesión iniciou cun minuto de silencio en lembranza das 57 persoas falecidas até ese momento na Galiza pola COVID-19. Na súa intervención Núñez Feixoo anunciou que o Consello da Xunta aprobará no día de mañá un investimento de 7 millóns de euros para realizar contratacións na sanidade, en concreto, de 358 profesionais en formación no último ano de especialidade. Tamén se empregarán eses cartos para adquirir o “maior número posíbel” de test diagnósticos e material de prevención como máscaras, batas ou desinfectante. Feixoo incidiu en que a Xunta se adiantara á crise, e que tiña un amplo stock de máscaras e outro material. A oposición denunciou esas palabras do presidente, xa que desde o primeiro momento as e os profesionais denuncian a falla deses materiais. 

O presidente  tamén anunciou o retraso no cobro dalgúns impostos, cuestión criticada por Antón Sánchez, portavoz de Común da Esquerda, que chamou a non facer como na crise de 2018 en que se "socializaron as perdas". Preguntouse se é "razoábel" aprazar o imposto de sucesións e 

transmisións, cando xa están exentos de pagalo os patrimonios por debaixo dun millón de euros. Sánchez tamén pediu a confección duns novos orzamentos. 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, chamou a remar todas xuntas nesta crise, ao tempo que afirmou que a lealdade non pode implicar mirar para outro lado, polo que voltou a sinalar como "un erro non pechar os territorios con maior foco de coronavirus e que actuaron como expansión", dixo en relación a Madrid. "É un erro non parar toda a actividade económica que non sexa esencial", engadiu. Pontón tamén incidiu na necesidade de realizar test masivos entre a poboación e dotar de material o persoal sanitario.

Núñez Feixoo recoñeceu a Ana Pontón que na primeira fin de semana da emerxencia houbo "un éxodo de miles persoas que chegaron a Galiza" e que propiciaron a extensión do virus, e responsabilizou o Goberno español de non impedilo .

Comentarios