Marián Ferreiro Díaz, candidata de TEGA á Alcaldía de Narón

"Gustaríame que se deixasen de lado as siglas e se priorizase a defensa dos intereses de Narón"

Marián Ferreiro Díaz (San Xiao, Narón, 1977) é a candidata de TEGA á Alcaldía de Narón. Foi dependenta de comercio e administrativa do Concello de Narón (2006-2015). Nas eleccións municipais de 2015 presentouse como número 2 na candidatura de Terra Galega que encabezaba Xosé Manuel Blanco. Foi concelleira de Cultura e primeira tenente alcalde. En setembro de 2017, logo da renuncia ao cargo de Xosé Manuel Blanco, foi elixida alcaldesa de Narón o 23 de setembro.

Marián Ferreiro
photo_camera Marián Ferreiro

Que valoración fai do seu mandato á fronte do concello de Narón?

A miña valoración é moi positiva. Desde o equipo de goberno fomos capaces de avanzar en proxectos importantes para a nosa cidade, como a ampliación da rede de saneamento na zona rural, as melloras en eficiencia enerxética ou a accesibilidade e humanización de barrios. Todo isto sen descoidar outras áreas como dependencia, á que tan só no último orzamento destinamos perto de dous millóns de euros.

Ademais, a finais de decembro aprobamos o orzamento máis elevado da historia desta cidade, de 32,9 millóns de euros. Fixemos todo isto ao tempo que reducimos a débeda bancaria, que quedou a cero, e tamén logramos manter a conxelación de impostos municipais e baixar o IBI.

Que medidas destes últimos anos salientaría?

Ademais de todas as medidas postas en marcha para mellorar a eficiencia enerxética, a accesibilidade e a humanización da cidade, gustaríame destacar a construción de novos parques infantís e biosaudábeis, pistas multideporte, un circuíto de pump truck, así como a posta en marcha de iniciativas en seguridade viaria como os Camiños Escolares Seguros e a mellora do SPEIS (Servicio de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento).

Tamén puxemos en marcha novos servizos e novas instalacións para uso e desfrute da veciñanza, avanzamos en materia de turismo coa edición de audioguías, e en materia empresarial, tratando de que o Sepes rebaixe o prezo das parcelas en Río do Pozo, ou adheríndonos ao convenio Doing Business para reducir o IBI, ICIO e IAE ás empresas que se asenten nos polígonos industriais ou amplíen as súas instalacións.

Apostamos firmemente na formación para o emprego, con máis de 18.000 horas de formación impartidas e 2.500 persoas participantes ao longo do mandato. Por outra banda, seguimos impulsando de forma decidida dous dos nosos principais sinais de identidade: a Cultura e o Deporte, con importantes dedicacións orzamentarias (ao redor de 1,6 millóns de euros na primeira e 2 millóns no segunda). Levamos a cabo unha decidida política de descentralización das actividades culturais e de lecer, achegándoas aos barrios e parroquias de Narón.

Tamén levamos a cabo iniciativas de mellora democrática coa posta en marcha do Portal de Transparencia Municipal e o de Participación Cidadá, co que a cidadanía ten a oportunidade de acceder a información e participar activamente en determinadas cuestións vencelladas á política municipal.

Que dificultades afrontou no seu mandato?

Máis alá das dificultades do día a día, non houbo grandes problemas que merezan ser destacados. O traballo continuo e unha política de diálogo e entendemento permanente minimizaron as dificultades atopadas durante este mandato.

Como valora o papel da oposición?

O papel do principal partido da oposición nestes catro anos foi menos construtivo do que debera. Gustaríame que se deixasen de lado as siglas e se priorizase a defensa dos intereses das veciñas e veciños de Narón. De todos xeitos, o equipo de goberno tendeu sempre a man á oposición para tratar de que os acordos fosen o máis amplos posíbeis.

Cales son as principais necesidades de Narón?

Unha das necesidades, en materia social, é a construción dunha residencia para persoas maiores, para o que ofreceremos á Xunta os terreos necesarios para a súa execución. E tamén ampliar a oferta educativa do Concello, sobre todo en Formación Profesional e coa construción dun novo centro escolar de Primaria no Alto.

Cal será a primeira medida se recunca como alcaldesa? 

Como o noso é un proxecto en marcha, o que faremos desde o primeiro momento é continuar con todas as iniciativas que xa están en curso: humanización dos barrios, saneamento, eficiencia enerxética, ampliación de zonas verdes e espazos de lecer, senda peonil entre Xuvia e Freixeiro, centro comunitario e piscina terapéutica en Xuvia, etc. Non sería unha única medida, trátase de continuar avanzando en diferentes áreas, en moitas das que xa estamos traballando para manter o ritmo de crecemento de Narón e consolidalo como un concello de referencia na comarca e tamén en Galiza, como oitava cidade.

Comentarios