Gómez Reino desvincúlase de Podemos e da política "partidaria"

Recoñece nunha carta que lle gustaría a unidade de Sumar e Podemos para a cita electoral do próximo 18 de febreiro: "A decisión está aí e hai que asumila"

Antón Gómez Reino, nunha foto de arquivo. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Antón Gómez Reino, nunha foto de arquivo. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O que fora líder de Podemos, candidato da formación morada a presidir a Xunta da Galiza en 2020 e deputado por Galicia en Común, Antón Gómez Reino decidiu desvincularse definitivamente da formación morada e da política partidaria cunha mensaxe dirixida ás esquerdas nas que chama á unidade. "A cidadanía quérenos xuntas articulando maiorías capaces de gañar", sinala nunha carta de despedida, recollida por Europa Press, e que fixo pública en redes sociais.

Gómez Reino, coñecido como 'Toné', estivo vinculado desde o inicio con Podemos e tivo na Marea Atlántica da Coruña unha das primeiras experiencias de aglutinación da “esquerda federal” tras o 15-M.

"Sei, en todo caso, que son malos tempos para a unidade. Nin ignoro as causas nin me inhibo de responsabilidades. Pero confío na capacidade colectiva de dirixentes e militantes para, de cara ao futuro, escoitar as aprendizaxes da historia, tamén da nosa (que xa é prolixa) e a palabra constante da cidadanía. Unha cidadanía que, máis aló das lexítimas diferenzas, quérenos loitando xuntas: nas aritméticas lexislativas, nas batallas culturais e nas dinámicas sociais, articulando maiorías capaces de gañar", subliña na súa despedida da política partidaria.

Na carta de "agradecemento" ten palabras para Ione Belarra, por permitirlle " participar no Consello Cidadán Estatal, e expresa un "recoñecemento" ao que fora o seu secretario de Organización na Galiza e actual líder de Podemos neste territorio, Borja San Ramón, "amigo e compañeiro" e ten palabras tamén para Isabel Faraldo, "auténtico corazón de Podemos A Coruña" (candidata a presidir a Xunta da Galiza nestas eleccións, algo ao que Gómez Reino non fai mención na súa misiva). Tamén se acorda do que fora senador José García Buitrón, médico xa falecido.

Primeiros pasos atrás

O ex deputado xa deixara de formar parte da Executiva estatal na remodelación que tivo lugar a finais do ano pasado. O seu nome súmase a outros ex dirixentes que saen da formación nos últimos meses como Jaume Asens, Nacho Álvarez, Alejandra Jacinto e o ex coordinador de Madrid Jesús Santos, ademais doutros cargos como o ex candidato ao Concello da capital española Roberto Sotomayor, ou o ex director xeral de Dereito dos Animais Sergio García Torres.

O primeiro paso atrás do ex líder de Podemos na Galiza foi nas eleccións estatais do pasado 23 de xullo, cando renunciou a concorrer nas listas de Sumar, aínda que entón remarcou que non se afastaba do todo da política. Dentro da formación morada, mostrouse favorábel a confluír xunto a Sumar para esa cita electoral e, de feito, participou na campaña electoral das estatais de xullo de maneira activa.

Gómez-Reino recalou no Congreso español en 2015, en plena irrupción de Podemos no panorama político, e na Cámara baixa foi presidente da Comisión de Traballo desde febreiro do 2020 até maio de 2023.

Ademais liderou a lista de Galicia en Común ás eleccións galegas de 2020, que foi un dos maiores paus electorais nos que participou Podemos, dado que a candidatura, na que tamén estaban Esquerda Unida e Anova (agora de volta aliada co BNG) quedou como forza extraparlamentaria.

Na carta de despedida Gómez Reino tamén fai mención aos "éxitos electorais" que tiveron as experiencias de unidade, como En Marea, e mirou ao próximo 18 de febreiro, eleccións galegas, como momento para observar "até onde poden chegar as opcións progresistas". "Esperemos que se consiga o inaprazábel cambio de goberno, pero de non ser así, esa tarefa de creatividade, mirada histórica e agregación será máis vixente ca nunca e máis necesaria ca nunca", manifesta.

"Decisión madurada" e galegas

Gómez-Reino recoñece que a decisión de dar un paso atrás definitivo foi "madurada no tempo" e recoñece que "a alguén coma el que sempre, sen andrómenas" apostou pola unidade no seo do "espazo político transformador e progresista e que traballou para conseguir un acordo entre Podemos, Movemento Sumar e todas as forzas do espazo político", gustaríalle que nas eleccións ao Parlamento galego "frutificara un acordo" que, ao seu xuízo, "era positivo e valioso para o cambio político na Galiza".

"Un acordo que facilitaba, desde o meu punto de vista, o coherente obxectivo de asegurarnos que o 18 de febreiro, todos os votos progresistas se traduzan en escanos e forza de goberno", sinala o que fora candidato en 2020 e que viviu, en primeira persoa, como máis de 51.000 votos quedaron fóra da cámara galega.

Neste sentido, conveu que "é evidente que a decisión das rexistradas na Galiza estivo atravesada de meses de desencontros, especialmente tras o 23-X. Pero a pesar de que é ben certo que até o de agora todas as decisións colectivas, tanto dos órganos como das persoas rexistradas en Podemos foran sempre a favor da construción de ferramentas electorais amplas, da acumulación de forza política e electoral, a decisión está aí e hai que asumila e pasar páxina", sentenciou.

 

Comentarios