Rexurdir Podemos, en contra de que Gómez Reino e San Ramón vaian ao acto de Sumar: "Sería unha deslealdade inadmisíbel"

A través dun comunicado, Rexurdir Podemos apela publicamente “á responsabilidade militante de Borja San Ramón e Antón Gómez Reino co fin de evitar a fractura do noso partido na Galiza”.
Borja San Ramón e Antón Gómez Reino nunha imaxe de arquivo (Foto: Podemos Galicia).
photo_camera Borja San Ramón e Antón Gómez Reino nunha imaxe de arquivo (Foto: Podemos Galicia).

O Colectivo Rexurdir Podemos mostrou esta sexta feira o seu “total desacordo coa eventual presenza do deputado Antón Gómez Reino e do Coordinador de Podemos Galicia, Borja San Ramón, na presentación do proxecto de Yolanda Díaz [Sumar] o próximo día 2 de abril”.

Peticións do partido

Desde Rexurdir Podemos din estar en desacordo coa presenza de San Ramón e Gómez Reino no acto “se antes non se cumpren as peticións do noso partido tal e como propón a dirección política e orgánica de Podemos encabezada pola nosa compañeira Ione Belarra”.

“Entendemos que a súa presenza, en caso de confirmarse, (pois foi condicionada polo noso Coordinador na reunión do Consello Cidadán de Podemos Galicia, decorrido o pasado día 26 do corrente mes, á existencia dun acordo xeral entre ambas as partes) suporía un acto de deslealdade inadmisíbel xa que impugnaría a posición do noso partido”, manifestan.

“Responsabilidade militante”

A través dun comunicado, Rexurdir Podemos apela publicamente “á responsabilidade militante de Borja San Ramón e Antón Gómez Reino co fin de evitar a fractura do noso partido na Galiza”.

“Rexeitamos así mesmo, en caso de confirmarse a súa asistencia, tentar lexitimar esta traxectoria que leva a debilitar a dirección estatal en base ao feito de gañar unhas votacións , cuxa finalidade foi a de elixir unha representación de carácter orgánico”, acrecentan.

Comentarios