18-F

A militancia de Podemos na Galiza di non a Sumar

Cun 62,36% dos votos emitidos, as persoas inscritas da formación morada din non á candidatura ás eleccións galegas liderada por Marta Lois.
Pablo Iglesias e Yolanda Díaz (Foto: Europa Press).
photo_camera Pablo Iglesias e Yolanda Díaz (Foto: Europa Press).

As persoas inscritas en Podemos estaban chamadas a votar nas últimas dúas xornadas se aceptaban que a formación morada formase parte da coalición con Sumar e Esquerda Unida. Unha vez coñecidos os resultados, o resultado foi un claro non, con 62,36% dos votos emitidos, fronte a 36,25% de electoras que si apostou por ir xuntos aos comicios.

Así se desprende dos resultados difundidos na mañá deste sábado da consulta ás bases que a dirección de Podemos Galicia despregou durante as últimas dúas xornadas, para avalar ou rexeitar esa confluencia electoral coa candidatura que lidera Marta Lois. Desta forma, o criterio maioritario da militancia é desligarse de Sumar para esta cita electoral.

O preacordo que se fraguou reservaba para os morados o segundo posto da circunscrición pola Coruña e o primeiro por Lugo, así como o terceiro de Ourense e o cuarto por Pontevedra, mentres que Sumar quedaba co primeiro posto na Coruña e Pontevedra, con máis posibilidades de lograr escano.

"Vitoria" de Pablo Iglesias

A dirección estatal da formación violeta marcou distancias sobre este preacordo coa forza liderada por Yolanda Díaz e especificou que Podemos Galicia ten autonomía e que serían as persoas rexistradas quen decidirían se era bo ou malo.

Con todo, figuras históricas ligadas ao partido si marcaron opinión sobre o criterio que debía primar na consulta. Así, o ex líder do Podemos, Pablo Iglesias, recomendou nunha editorial de Diario Red, o medio que dirixe, rexeitar a coalición con Sumar e pedir o voto para o BNG.

Mentres, o cofundador do partido Juan Carlos Monedero diferiu de Iglesias e defendía votar si a concorrer xunto a Sumar ás eleccións galegas para non fracturar a esquerda, a pesar de que a súa oferta a Podemos era "arrogante" e unha "trampa".

Este escenario fai que a formación deba decidir agora se concorre en solitario ás eleccións e compite con Sumar (ou non). Sectores da formación autonómica son partidarios en principio de que Podemos estea presente nesas eleccións, en contra do punto de vista de Iglesias, que aposta por pedir o voto para o BNG.

A lista oficialista, a máis votada

As bases de Podemos Galicia tamén votaron para elixir a candidatura aos comicios, onde se impuxo con 41,66% dos votos a lista oficialista 'Transformar Galicia', encabezada pola ex concelleira da Coruña Isabel Faraldo, sobre a lista crítica 'Rexurdir Galicia' que logrou 34,66% do apoio das bases da organización. Neste caso houbo un importante volume de voto en branco, en concreto, 23,68% do voto final.

Comentarios