O Goberno estatal foxe da polémica do Benidorm Fest

A voceira do Goberno, Isabel Rodríguez, optou por non responder unha pregunta dun xornalista sobre o Benidorm Fest, e afirmou que o Executivo só "está centrado" no Plan de recuperación.

Comparecencia da ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez. (Foto: Europa Press)
photo_camera Comparecencia da ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez. (Foto: Europa Press)

O Goberno español decidiu fuxir da polémica xerada polo resultado do Benidorm Fest, despois de que gran parte do público, formacións políticas -entre elas o BNG e Galiza en Común- e asociacións culturais denunciasen as presuntas irregularidades cometidas polo xurado profesional á hora de escoller a gañadora do certame músical.

A ministra de Política Territorial e Voceira do Goberno estatal, Isabel Rodríguez, foi cuestionada polo ocorrido durante a gala e pola posición do Executivo. Porén, Rodríguez non quixo opinar sobre o feito de que os sindicatos de RTVE esixisen á dirección do ente público "deixar sen efecto" a designación da gañadora, Chanel, como representante de Eurovisión.

A cantante e bailarina impúxose ás Tanxugueiras e a Rigoberta Bandini polo voto do xurado, a pesar de que as galegas obtiveron a máxima puntuación do voto demoscópico e do popular.

Lonxe de dar unha resposta, Rodríguez optou por esquivar o debate, e afirmou que "o único concurso europeo no que está centrado este Goberno, como saben vostedes, é o do cumprimento do plan de recuperación".

Xunto a Isabel Rodríguez compareceron ante os medios a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, e a ministra de Políticas Sociais. Tampouco elas manifestaron a súa posición con respecto á polémica, mais a titular de Políticas Sociais comentou que prefire calar o que pensa "sobre a canción" gañadora.

Piden explicacións polo xurado

Galicia en Común foi a primeira formación política en comunicar que presentaría unha solicitude de comparecencia dos responsábeis de RTVE para aclarar o proceso de selección do xurado profesional e se este ten algún tipo de relación coa gañadora do Benidorm Fest.

Pouco despois, o BNG tamén se manifestou nos mesmos termos. O deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, adiantou nas súas redes que a formación nacionalista ía presentar unha serie de iniciativas na cámara baixa co obxectivo de poder acabar coa "falta de transparencia" do certame.

A seguinte en posicionarse foi a sección sindical de Comisións Obreiras (CCOO) en RTVE, que asegurou nun comunicado que a escolla da representante española para Eurovisión "debería quedar sen efecto" mentres non se investigan as presuntas irregularidades cometidas.

Ademais, sete senadores do Partido Popular presentaron unha batería de preguntas á dirección do medio público para que conteste se sabía dos vínculos entre polo menos unha das integrantes do xurado e a gañadora.

Comentarios