Eurovisión chega ao Congreso: o BNG pide coñecer os criterios para a selección do xurado especializado

Galicia en Común tamén exixe transparencia. Esta segunda feira tamén presentará no Congreso varias preguntas dirixidas ao Consello de RTVE sobre o cumprimiento das bases do Benidorm Fest.

As Tanxugueiras brillaron no escenario do Festival de Benidorm na final do certame (@PlanetESC).
photo_camera As Tanxugueiras brillaron no escenario do Festival de Benidorm na final do certame (@PlanetESC).

A polémica xerada tras a final do Benidorm Fest abre camiño cara o Congreso dos Deputados e deputadas. A diverxencia ente as conclusións do xurado profesional e o voto do público tanto durante as semifinais como na cerimonia final do certame leva o triunfo de Chanel á Cámara baixa a iniciativa do BNG e de Galicia en Común.

Ambas as dúas formacións urxen explicacións a RTVE. Queren coñecer os detalles do concurso musical que serviu para escoller a canción que representará España no festival de Eurovisión, coa participación dun xurado especializado (50%), dun estudo demoscópico (25%) e da audiencia, a través do televoto (25%).

Elección do xurado

Así, nesta segunda feira o BNG "rexistraremos solicitude de comparecencia do Presidente da CRTVE no Congreso para que explique os criterios utilizados para a elección do xurado do Benidorm Fest, do sistema de votacións e as dificultades que encontraron moitas persoas para poder votar", avanzou este domingo Néstor Rego na súa conta de Twitter.

"A CRTVE é un ente público que pagamos entre todos e todas, e que, por tanto, debe garantir transparencia e criterios equitativos en procesos coma este. Para alén do espectáculo están os intereses lexítimos, non só dun grupo, senón dunha língua e unha cultura como a galega", afondou.

O deputado nacionalista incidiu, ademais en que "moitos galegos e galegas que teñen a lexítima percepción de que se actuou con parcialidade para evitar que unha canción en galego fose a Eurovisión, dúbidas que é preciso esclarecer e apurar responsabilidades, se for o caso".

"Total transparencia"

Na mesma liña, Galicia en Común tamén presenta esta segunda feira no Congreso dos Deputados varias preguntas dirixidas ao Consello de RTVE sobre o cumprimento das bases do concurso Benidorm Fest.

Segundo explicou a formación nun comunicado, a iniciativa -que parte do deputado Antón Gómez Reino- pide facer públicos os criterios de valoración para a composición do xurado, a puntuación detallada de cada un deles segundo as regras e os criterios de valoración estipulados nas bases do desenvolvemento do concurso para a puntuación final.

"O Consello de RTVE debe garantir un concurso con total transparencia", sinalou Gómez Reino, en referencia ao apoio popular xerado por bandas como Tanxugueiras e Rigoberta Bandini co resultado final para a elección do representante español a Eurovisión 2022.

"Cremos que é deber dun organismo público atender ás queixas da poboación que non sente representada con esta decisión. O voto popular debe contar de verdade", incidiu Gómez Reino.

Galicia en Común preguntará tamén sobre o sistema de votación de mensaxería instantánea, que provocou problemas á hora de enviar as votacións e así se fixeron eco varias usuarias nas redes sociais.

Comentarios