RTVE terá que aclarar no Congreso os criterios do xurado

Os xuíces españois do Benidorm Fest, baixo sospeita

As críticas contra a decisión do xurado nas galas do festival de Benidorm chegan desde diversas frontes. Mentres os parlamentarios no Congreso dos Deputados do BNG, Galicia en Común e senadores do PP exixen explicacións á dirección de Radio Televisión Española (RTVE), o comité de empresa desta compañía pide "deixar sen efecto" o triunfo de Chanel e investigar as "notábeis irregularidades".

 

Actuación das Tanxugueiras este sábado (Foto: @arealities).
photo_camera Actuación das Tanxugueiras na final do festival de Benidorm (Foto: @arealities).

A sección sindical de Comisións Obreiras (CCOO) de RTVE non se fía do veredicto do xurado na final do festival de Benidorm. Así, nun comunicado emitido onte sinalan que "as presuntas irregularidades son importantes, tan notábeis que se debería deixar sen efecto a elección da canción que representará España no festival de Eurovisión".

Os representantes de CCOO en RTVE reclaman que "as distintas direccións implicadas deben aclarar, de maneira urxente, como e quen seleccionou o xurado do Benidorm Fest. Coa mesma urxencia RTVE debe facer públicas as actas das votacións e as incidencias rexistradas, todas no seu conxunto. RTVE debe aclarar urxentemente as relacións entre membros do xurado e a cantante Chanel Terrero. Debe quedar claro se hai conflito de intereses, debe quedar claro o sentido do voto das persoas que, no xurado, teñen ou tiveron relación coa cantante gañadora do festival".

Un dos presentadores da gala, o xornalista e primeiro ministro de Cultura de Pedro Sánchez, Màxim Huerta, vén de engadir máis dúbidas respecto do xurado do certame. Tanto é así que en declaracións ao programa de Telecinco Socialité afirmou que "tanto Felix Bergsson como Marvin Dietmann -ambos os dous parte do xurado internacional- estaban emocionados con Tanxugueiras, pero o voto é individual", e se as representantes do xurado estatal votaron á baixa a canción galega dándolle máis puntos a outras opcións, "isto desmóntase".

As declaracións de Huerta confirman unha actitude por parte dos xuíces españois na final do festival dirixida a prexudicar Tanxugueiras. Isto xa foi denunciado en relación coas semifinais, onde as actas do xurado difundidas polas redes sociais recolleron que as puntuacións máis baixas para o grupo galego procederon dos membros españois do mesmo. Pola contra os integrantes do órgano de nacionalidade non española outorgaron a máxima actuación ás pandereiteiras.

Congreso dos Deputados

Os responsábeis de RTVE, entidade organizadora do evento, deberán aclarar no Congreso os criterios do xurado -sempre que a Mesa do Congreso non vote en contra das iniciativas do BNG e Podemos presentadas para tal fin-. A este respecto, o deputado do BNG, Néstor Rego, e o voceiro de Galicia en Común e deputado de Unidas Podemos, Antón Gómez Reino, así como sete senadores do PP, teñen formalizado diversas iniciativas. Concretamente

Néstor Rego reclama a comparecencia do presidente do ente público "para informar sobre os criterios utilizados na elección do xurado profesional do Benidorm Fest, o sistema de votacións utilizado e a falla de transparencia".

Gómez Reino reclama coñecer os criterios de elección do xurado e que se realice unha auditoría sobre o cumprimento das bases.

E desde o PP, sete senadores preguntan se RTVE coñecía os vínculos dun membro do xurado coa gañadora do festival, a cantante Chanel.

Comentarios