Francisco Conde (PP)

"Un Goberno de Feixoo é unha grande oportunidade para a provincia de Lugo"

Francisco Conde, candidato número 1 do PP ao Congreso por Lugo.

Conde
photo_camera Francisco Conde foi vicepresidente da Xunta da Galiza. (Foto: Nós Diario)

—Que os obxectivos se marcan nestes comicios no PP lugués?
O principal obxectivo é que Núñez Feixoo teña a maioría suficiente para pór en marcha todas as medidas recollidas no noso programa electoral. Hai toda un serie de cuestións básicas que o PSOE e Unidas Podemos non quixeron levar adiante e que consideramos importantes, como a autovía da Mariña, a conexión por estrada entre Lugo e Ourense ou a axilización da chegada do AVE a Lugo, para facer a provincia máis competitiva. Nesta perspectiva, un Goberno de Feixoo é unha grande oportunidade para a provincia de Lugo.

—Téñense amosado críticos co modelo de xestión do Estado dos fondos Next Generation e co tratamento recibido por algún proxecto, como o de Altri. Formulan algunha mudanza a este respecto e, neste contexto, apostan por un novo proxecto Perte para Altri?
Nós desde o primeiro momento en que se aproba o Plan de recuperación, transformación e resiliencia identificamos que o Goberno de España decidira xestionar os fondo por si mesmo sen contar coas comunidades autónomas e sen ningunha vontade de cogobernanza.

O desenvolvemento do Plan de recuperación está xerando asimetrías entre as comunidades autónomas, con territorios como Asturias, Catalunya ou País Velencià que reciben axudas directas e outras, como a Galiza que non. Neste sentido, nós reclamamos  que todas as comunidades autónomas e todos os proxectos teñan as mesmas oportunidades.

Nós recollemos no noso programa electoral a posta en marcha de Pertes territoriais para garantir a igualdade de oportunidades entre os territorios e que determinados proxectos tractores teñan acollida. Neste sentido, consideramos que a proposta da fábrica de Altri cumpre con todos os criterios para ser financiada.

—O sector pesqueiro tense amosado moi preocupado cos proxectos en marcha da eólica mariña, que avaliación fan da súas demandas e que mudanzas están dispostos a facer nos Plans de ordenación do espazo marítimo (POEM)?
Nós formulamos desde o primeiro momento que a eólica mariña é unha oportunidade de desenvolvemento industrial da Galiza pero que tiña que ser compatíbel coa actividade pesqueira.

O Goberno do Estado non fixou un marco de desenvolvemento da eólica mariña por consenso. Os Plans de ordenación do espazo marítimo non responderon aos criterios da Xunta nin do sector pesqueiro. Hai que recuperar o consenso para desenvolver a eólica mariña e garantir a compatibilidade desta actividade coa pesqueira.

Comentarios