O goberno de Compostela di que non haberá demisións malia as demandas da oposición

O BNG, PSdeG e Candidatura do Povo  exixen a demisión da equipa de goberno municipal após a imputación por un posíbel delito de prevaricación de 7 d@s 13 concelleir@s mais o goberno compostelán di que "non é a mellor opción". 

Candidatura do PP en Compostela Foto:PP
photo_camera Candidatura do PP en Compostela Foto:PP

Sete das 13 persoas que compoñen a equipa de goberno da capital galega serán xulgadas o vindeiro 19 de maio por un suposto delito de prevaricación. Aliás, 11 delas están a ser investigadas no decorrer da Operación Pokemon. Tamén o alcalde, Ángel Currás. 

Compostela: 11 de 13 concelleir@s investigad@s e 7 a piques de ser xulgad@s por prevaricación

Perante esta situación, desde o BNG de Compostela exixiron esta quinta feira a demisión do goberno local cunha concentración ás portas do Pazo de Raxoi na que estivo presente o portavoz nacional da organización frontista, Xavier Vence, a deputada Ana Pontón e o portavoz municipal, Rubén Cela. 

"Xa non hai tempo para agardar máis"

"É hora de demisións e de deixar paso a unha corporación limpa", afirmaron desde o Bloque. A formación frentista demanda desde que se deron a coñecer os casos de corrupción que se tomen medidas a respeito da situación que atinxe a capital do país e que se adianten as eleccións municipais mesmo, se é preciso, coa intervención da Xunta e o Consello de Ministr@s. 

"Xa non hai tempo para agardar máis", salientaron, en referencia á decisión adoptada pola Audiencia Provincial da Coruña onte e que desestimou o recurso presentado pol@s 7 edís composteláns que rexeitaban seren axuízad@s por pagar con fondos públicos a defensa doutro concelleiro, Adrián Varela, imputado na Operación Pokemon. 

O balón no tellado de Feijóo

Porén, para a xustiza fica claro que o acordo adoptado hai un ano pola Xunta de Goberno municipal podería ser contraria a dereito e mesmo que @s edís aprobasen o devandito acordo a sabendas de estaren incorrendo nun delito. Para o Bloque isto é, "a gota que colma o vaso" polo que urxen o presidente da Xunta a "actuar" e "intervir dunha vez". 

Feijóo comprometeuse a actuar mais bota balóns fóra co que acontece en Compostela

As demandas d@s nacionalistas exixen o cumprimento "cando menos" das "promesas" do propio Alberto Núñez Feijóo que en sesión parlamentar hai uns meses comprometeuse a non manter á fronte de ningún goberno local persoas que estivesen imputadas e contra as que se tiveran adoptado medidas cautelares. 

Mais Feijóo só bota balóns fóra e polo de agora non fará demitir ao goberno de Santiago que, aliás, coida que non é "a mellor opción" a demisión d@s 7 concelleir@s que pasarán diante do xuíz a seis días das eleccións europeas. Así o asegurou a vice-voceira, Reyes Leis.

PSOE e Candidatura do Povo exixen tamén a demisión

Tamén desde o PSdeG, e por boca do seu portavoz municipal Francisco Reyes, se pedíu a demisión detes sete concelleiros populares. Consideran que non se pode seguir na situación actual e tamén miran para Feijóo, como presidente do PPdeG, para que adopte medidas.

Candidatura do Povo pide a demisión do goberno local e convida á veciñanza de Compostela a 'escrachar' o 19 de maio (día do xuízo) a estes edís do PP. 

Comentarios