O Goberno Central celebra o acordo entre patronal e sindicatos

Isabel Rodríguez  lembrou que estes últimos anos estiveron marcados por un momento "absolutamente excepcional" e que esta sexta feira "a Organización Mundial da Saúde poñía fin á pandemia.
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, a ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo e o delegado do Goberno na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, a ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo e o delegado do Goberno na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno central, Isabel Rodríguez, celebrou o novo acordo que ultiman patronal e sindicatos para subir salarios que, na súa opinión, significa "un acordo de avance" no país "en paz social" e que tamén "redunda na paz dos distintos municipios e cidades".

"Estamos de felicitación nesta xornada porque vemos como foi posíbel un novo acordo entre a patronal e os sindicatos. Están a ultimalo, pero significa un acordo de avance do noso país en paz social que tamén redunda na paz dos distintos municipios e cidades do noso país", reivindicou.

En declaracións aos medios na Praza de Abastos de Santiago de Compostela, onde deu un paseo xunto ao alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, e o presidente da Deputación da Coruña e secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, o portavoz do Goberno tamén puxo en valor o traballo do Executivo de Pedro Sánchez "afrontando os problemas que ten a cidadanía" con medidas como "o incremento do Salario Mínimo Interprofesional" ou "os incrementos das pensións".

Nesta liña, Rodríguez destacou tamén o labor do Goberno no ámbito da vivenda que, segundo subliñou, vai ser "parte fundamental da axenda do Goberno para os próximos anos", para o que pediu a "complicidade de alcaldes e alcaldesas".

"Os centros das cidades, e neste caso os centros históricos das cidades, onde existe un gran reclamo turístico, temos que seguir potenciando e cultivando ese sector turístico. Estamos a facelo tamén desde o Goberno cun turismo máis sustentábel e que no caso das cidades ten que seguir permitindo conciliar a vida dos veciños e as veciñas cos turistas que nos visitan cada día", defendeu a ministra.

Así mesmo, Rodríguez sinalou que os socialistas afrontan a cita electoral do 28 de maio "coa tranquilidade de facer o traballo" durante estes anos desde o Goberno Central pero, "sobre todo", "coa mellor tarxeta de presentación que pode ter o Partido Socialista Obreiro Español, que son os seus alcaldes e alcaldesas".

Neste sentido, lembrou que estes últimos anos estiveron marcados por un momento "absolutamente excepcional" e que esta sexta feira "a Organización Mundial da Saúde poñía fin ao máis dramático". Unha pandemia que, afirmou, foi xestionada "con responsabilidade e valentía" polo Executivo socialista, pero que "a pé de obra aí estaban alcaldes e alcaldesas socialistas, presidentes de Deputación que deron o mellor de si para saír desa situación".

 

Emprego en Santiago

Pola súa parte, o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, que agradeceu a visita de Isabel Rodríguez, tamén puxo en valor os datos da evolución do paro e do emprego na cidade, que "indican que Santiago ten o maior número de poboación ocupada de toda a nosa historia, roldando as 68.000 persoas".

Neste contexto, Bugallo destacou que estes datos mostran que traballan "na dirección correcta". Ademais, puxo en valor a "colaboración do Goberno" con "moitos proxectos de transformación" na capital galega.

"Dos 12 proxectos que presentamos aos fondos europeos de momento temos autorizados e aprobados nove sobre temas moi diversos en materia de recuperación ambiental, en materia de seguridade informática ou o centro loxístico de reparto de mercadorías xustamente para mellorar a calidade de vida da cidade histórica", expuxo.

Con todo, lembroulle á representante do Executivo central que "falta un", o do Restollal, polo que seguirán "pelexando e buscando fórmulas" co Goberno e coa Xunta para realizar un proxecto que é "moi importante para coser toda a zona sur de Santiago".

 

A campaña

Doutro lado, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, avanzou que "nos próximos días" Pedro Sánchez volverá estar na Galiza. "Vólcase coa Galiza non só en campaña, sobre todo tendo compromiso en cada unha das medidas que teñen unha tradución territorial", dixo.

Así, Formoso asegurou que será unha campaña electoral na que se volcarán "ministros, ministras, o presidente do Goberno, alcaldes e alcaldesas" que traballarán "arreo".

Comentarios