Entrevista

Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago: "Evitar que o centro da cidade sexa absorbido polo turismo é un desafío"

O socialista Xosé Sánchez Bugallo (Teixeiro-Curtis, 1954) completa o seu duodécimo ano como alcalde compostelán en dous períodos diferentes. Santiago de Compostela ten características singulares asociadas á súa condición de capital da Galiza e a unha presión turística fonte de vantaxes e inconvenientes, singularmente durante os veráns, como se viviu no pasado período xacobeo.
O alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera O alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo. (Foto: Xan Carballa)

—Chega vostede a esta entrevista co eterno desafío das ampliacións do hospital, sobre todo en canto á regulación dos aparcadoiros.
Santiago abarca na súa área hospitalaria un balance de poboación moito maior que outras cidades. Temos máis de 450.00 persoas asignadas pero só 98.000 están na cidade, as outras 350.000 viven noutros concellos. Tiñamos un hospital vello, fíxose un novo do dobre de superficie e calculóuselle unha duración de 50 anos, pero aos dez xa houbo que empezar con ampliacións continuas de servizos. Nunca se fixo previsión acaida de aparcadoiros, porque unha parcela de 12 hectáreas supúñase suficiente, pero as ampliacións foron comendo e comendo superficie e non podemos soterrar aparcadoiros -ou poderíamos, mais facendo un gasto disparatado-, porque está sobre rocha.

—Case toda a súa traxectoria política é no territorio municipal. Despois dun período no Parlamento, regresou ao concello. A súa é unha vocación política restrinxida a ese ámbito local?
Onde estou máis cómodo e onde me resulta máis atractivo facer política. Os anos no Parlamento foron interesantes pero aburridos. A grandeza da política municipal, tamén o seu sacrificio, son os veciños e a inmediatez. É unha vida política moi viva.

—Xa cubrira un período de 12 anos na alcaldía. Agora hai casos semellantes de tentar voltar, como Cabezas e Rodríguez en Ourense. Por que regresou?
Non estaba moi contento coa marcha da cidade nos oito anos que botei fóra. Cando se me ofreceu a posibilidade de volver, entendín que non podía negarme. Podía retomar cousas que aínda estaban pendentes: a terminal do AVE, a construción da nova depuradora de augas residuais (EDAR) e completar o enlace Orbital de Santiago.

—Unha das singularidades de Santiago é ter un estatuto específico por ostentar a capitalidade. Dalle unha proxección moi grande, pero como condiciona?
É algo que asumimos con orgullo, procuramos ser unha cidade que non actúe con localismos, colaborar con todos e ter altura de miras, con boas relacións non só coa Xunta e a Igrexa, tamén co resto das cidades, porque Santiago é patrimonio de todos os galegos. Hai temas en que nos resulta máis difícil competir, pasounos agora co centro de intelixencia artificial. Se a Xunta tivese elixido Santiago, quizais non poderíamos esperar que os nosos competidores nos apoiasen, pero unha vez decidida A Coruña, nós o primeiro que facemos é retirar a candidatura e apoialos. Porque é o coherente e o máis positivo e ser capital de Galiza obríganos.

—Dicía que volveu "forzado" por atender tres retos pendentes. Alcanzáronse?
O Orbital inaugúrase en outubro e só queda unha pequena parte. A obra da EDAR está adxudicada e apenas hai flocos burocráticos e a nova terminal ferroviaria do AVE está coa fase final da terminal de pasaxeiros en construción. Temos unha certa frustración respecto ao pensado en 2011, porque era un proxecto integral, e houbo que ir facéndoa a anacos e o resultado varía, por exemplo, no modo de facer o aparcadoiro.

Santiago é un éxito turístico extraordinario. Temos case 90 hoteis con máis de 16.000 prazas, unha cifra que se comparamos con 1993 multiplicouse case por seis

—A idea de que moitas cidades históricas, e tamén Santiago, tenden a estar "disneyalizadas" por un turismo masivo en determinados momentos causa o rexeitamento de parte da cidadanía. Como se pode evitar iso?
Até hai uns anos era bastante sinxelo, pero agora obríganos á toma de decisións controvertidas. Acabamos de aprobar a modificación do Plan xeral para evitar e acoutar as vivendas turísticas. Levábamos varios anos cunha moratoria que venceu o 13 de marzo. Santiago é un éxito turístico extraordinario. Temos case 90 hoteis con máis de 16.000 prazas, unha cifra que se comparamos con 1993 multiplicouse case por seis. Preocúpanos o auxe dos pisos turísticos, dos que hai 1.000 en Santiago, algo máis de 600 no rexistro da Xunta, e pode ser un problema de expulsión de poboación, tanto residente como estudantil. Temos tamén un problema coas vivendas baleiras. Contamos con 5.000 reais. Os estudantes serían as vítimas deste grave problema, pero se houbese maior oferta, os prezos deberían mudar.

Santiago xa non vai ser a cidade estudantil que era hai unhas décadas. O cambio das tres universidades e a mellora das comunicacións fixo que moita xente veña e regrese á súa cidade no día. Dos que fican a vivir durante o curso moitos tiveron que pasar a residir no Milladoiro ou Bertamiráns (Ames) porque en Santiago non hai oferta de pisos. Tamén é diferente o cambio nos negocios, que pasan a dirixirse ao mercado turístico e tamén nos preocupa.

—Iso lévame a preguntarlle polo despoboamento do casco vello.
Non é tanto. Non poden compararse erradamente magnitudes. Non se pode botar contas só co perímetro amurallado. A unidade media de poboación por vivenda, en Santiago e noutras moitas cidades galegas, roldaba os oito habitantes. Agora estamos en dous. Son mudanzas dificilmente reversíbeis a curto prazo.

Na cidade histórica, temos unha gran presión derivada en parte de que moitos propietarios desas vivendas non viven nelas, nin sequera viven en Santiago, e moitos quérenas desprazar ao mercado turístico. Non queren nin rehabilitalas nin mantelas e si forzar un cambio de uso, sexan para hotel ou piso turístico. É algo que tentamos resistir pero ten consecuencias.

—Aínda que as rehabilitacións no casco histórico teñen unha normativa moi estrita.
Si, pero non é tanto por ese rigor como por non querer rehabilitar para alugar. Só pensan no negocio lucrativo inmediato. A Corporación ten que reflexionar que podemos facer. Se aceptamos esa presión, o casco histórico pode mellorar pero vaise baleirar de poboación estábel. Son as consecuencias negativas do éxito turístico. O que nos pasa a nós tamén o vemos se paseamos por Porto. Preocúpanos moito e no futuro é un desafío a resolver.

Fixemos as modificacións no Plan xeral sabendo das expectativas de certas persoas, que mesmo consideran que lles afectamos un dereito constitucional, cousa que non é así, porque o dereito é a ter unha vivenda, non sen máis a convertela nun negocio. A Xunta da Galiza non axudou en absoluto, realizando inscricións de vivendas para uso turístico cando a lei esixe que teñan que cumprir todos os requisitos para facelo e o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) deunos a razón. Todas as sentenzas son ao noso favor, e agora até a asesoría xurídica da Xunta coincide coa do concello en que un piso turístico non é unha vivenda senón unha actividade económica sometida a licenza municipal previa. Nós tratamos de manter boas relacións coa Xunta, pero temos friccións como esa, que espero que eles corrixan.

Santiago sempre vai ser unha cidade cara, porque o modelo co que nos dotamos no seu momento é caro de manter

—Con que proxecto futuro aborda a cita do 28 de maio?
Trataremos de pór en negro sobre branco a Axenda 2030. Para ter futuro debe ser unha axenda o máis amplamente compartida. Vivín a experiencia de aprobar o plan estratéxico de 2010, e volvino atopar sen facer no mesmo caixón cando regresei en 2019. O que agora contemplamos é pensando en 2032, con dous Anos Santos (2027 e 2032), e creo que todos coincidimos en ampliar a base económica da cidade, e diversificala máis alá do peso enorme do sector administrativo e turístico. A aposta ten que ir pola industria, a biotecnoloxía,… temos que ir a unha cidade ambientalmente sostíbel.

Santiago sempre vai ser unha cidade cara, porque o modelo co que nos dotamos no seu momento é caro de manter. Temos 500 hectáreas de zonas verdes, 50 m2 por habitante. O noso modelo inicial era Londres (12m2/habitante) e estamos en catro veces máis. Recuperar o Sar, o Sarela, facer máis parques en aneis de poboación e zonas verdes… Todo ese sistema é caro de manter porque somos unha cidade moi extensa e aspiramos a unha diversificación produtiva maior. Temos 4 millóns de m2 de polígonos industriais no Tambre e van medrar. Temos dez quilómetros de punta a punta dos nosos límites e iso desafía o transporte e a mobilidade, os espazos dotacionais para esa superficie de 30 km2 de Santiago son caros. A xente ten que ser consciente destas dimensións, pois servizos, limpeza, transportes son máis caros que se o concello fose compacto e concentrado. Pontevedra e nós somos a cara e a cruz de dous modelos que están ben pero contrapostos.

—En que sentido o di?
Pontevedra é moi compacta, cunha superficie limitada. Os parques empresariais nosos ou o conxunto das nosas zonas verdes son superficies maiores que todo o casco urbano de Pontevedra. Nós parecémonos máis ás cidades do norte de Europa que ás do sur. É un modelo que se escolleu así nos anos 80. Pero seguindo coa pregunta anterior, a terceira idea forza para o futuro é a integración social e territorial. Todas as cidades temos o problema de integrar a xente maior, moita dela vivindo soa. É un problema ao que se debe prestar especial atención. Somos en Santiago 20.000 persoas con máis de 65 anos e delas uns 5.000 vivimos sós (80% mulleres).

O outro gran reto é que a xente nova atope futuro nas cidades e que sexa axeitado ao seu nivel de formación. O último dato que temos é que marcharon no ano pasado 8.200 persoas e naceron 18.000: un 45% da poboación nada na Galiza emigrou. Un desastre nacional. A mesma proporción que hai 60 anos, só que daquela nacían 50.000 persoas e os que marchaban non tiñan a formación que teñen hoxe.

Neste mandato o BNG non aceptou un acordo porque os votos seguían deixando o Goberno en minoría ao preferir Compostela Aberta pasar á oposición

—Pensando xa na convocatoria do 28 de maio, parece que se vai ou seguir con gobernos en minoría ou de coalición con outras forzas.
Os gobernos en minoría non son recomendábeis e débese buscar o modo de lograr unha maioría estábel. Neste mandato non foi posíbel, e o problema non é que se tomen decisións moi distintas que con acordos de goberno estábeis, senón que se toman menos e máis lentamente. En Santiago tiven dous mandatos nesas condicións (1995-1999 e 2019-2023) e foron experiencias duras. Gobernar en coalición ou en minoría non o queremos ningún dos que imos ás eleccións.

—Pero os inquéritos anuncian coalicións.
Gobernei moitos anos en coalición e neste mandato o BNG non aceptou un acordo porque os votos seguían deixando o Goberno en minoría ao preferir Compostela Aberta pasar á oposición. Hai catro anos, con Compostela Aberta non foi posíbel pactar porque viñamos dunha campaña de confrontación. Non sei se nun escenario futuro as cousas mudarán. Co BNG non debería haber problema, pero con Compostela Aberta non o sei.

—En todos os niveis políticos o futuro fala de ter que negociar.
As miñas experiencias en coalicións non foron malas e a xente viunas positivamente para a cidade. Se é preciso faranse. Co BNG acordamos durante doce anos e estamos gobernando desde hai oito na Deputación. Con Compostela Aberta e as Mareas é un asunto de maduración política, e iso prodúcese cando se asume que por riba das diferenzas políticas e ideolóxicas está dar resposta ás necesidades da xente.

—Ter que renovar o Goberno hai poucas semanas [ao renunciar o concelleiro García Pichel ao saberse que alugaba locais para o concello a unha empresa coa que tiña relación directa] pode condicionar a perspectiva electoral?
Tería preferido non verme nesa obriga. Pero gustaríame que os cidadáns visen que cando hai un problema respóndese de contado. Sexa o momento adecuado ou non o responsábel é non mirar para outro lado. Iso eu nunca o fixen. Terei moitos defectos pero non dar a cara non é un deles.

Comentarios