Tal e como informara Nós Diario, o BNG recuperará a manifestación nacional, en Compostela, con motivo do Día da Patria Galega, despois de descentralizar os actos do 25 de xullo o ano pasado debido á situación sanitaria.
"Unha Galiza sen límites, cun BNG sen límites" é o lema co que a formación nacionalista reivindicará “un país cun potencial enorme” que “precisa un liderado político sen ataduras que confíe nese potencial, que non lle poña límites ao que somos, unha gran nación de xente traballadora, con capacidade e con talento”, en palabras de Pontón.
Capacidade de decisións "lonxe de tutelas centralistas"
A portavoz nacional do BNG apelou á “capacidade de decidir por nós mesmas, no campo dos dereitos e das liberdades; na capacidade para crear riqueza e emprego a través dunha economía verde; sen límites para pór os nosos recursos ao servizo da xente e darlle oportunidades á mocidade evitando que a súa única saída sexa coller as maletas, sen límite na súa capacidade para crear e para usar a nosa lingua”. “Lonxe”, dixo, “de tutelas centralistas”.
Pontón reivindicou unha Galiza “diversa, aberta, tolerante, que non admite recortes á liberdade e a diversidade”, sen límites na solidariedade. Puxo como exemplos movementos como o Nunca Máis, o feminismo e a resposta “ao vil asasinato homófobo de Samuel”.
A manifestación, informou Pontón, decorrerá de forma “segura” e “con todas as garantías sanitarias”.
"Todas teñen cabida no BNG"
“Este 25 de xullo temos moito que celebrar, e por iso quero animar a participar todos e todas, porque hai moitas maneiras de sentir a nación que somos, e todas teñen cabida no BNG”, indicou.
Tamén chamou a recordar “os que xa non están connosco, pero aos que nunca esqueceremos” e a agradecer “unha vez máis o esforzo e a entrega de todos e todas as profesionais -a maioría mulleres-, que nos coidaron no peor da crise, como o persoal sanitario e das residencias. As medallas honoríficas están ben, pero temos unha débeda que non se paga con medallas, senón con recursos, revertendo os recortes e mellorando as súas condicións de traballo”.
Sen Festigal
Hai manifestación nacional convocada polo BNG o 25 de xullo mais non haberá Festigal. A organización anunciou esta semana a súa suspensión por mor da pandemia.
Por outra banda, organización xuvenís e estudantís soberanistas convocaron para o 24 de xullo a manifestación unitaria con motivo do Día da Patria Galega baixo o lema "A república galega é o futuro".