Festigal adía a edición de 2021 e comprométese a retornar en 2022 cunha proposta “inesquecíbel”

Pospón a edición deste ano “por motivos de responsabilidade ante a pandemia da Covid-19”.

festigal 2018
photo_camera Imaxe de arquivo dunha edición do Festigal

A organización do Festigal acordou pospoñer a programación da edición de 2021 por motivos “de responsabilidade ante a pandemia da Covid-19, pois as medidas de prevención sanitaria non permiten ser fieis ao espírito co que foi ideado este evento para dispor dunha experiencia segura, diversa e libre”.

Así o manifestan nun comunicado, indicando que o Festigal procurou durante a súa traxexctoria “dar cabida ao maior número posíbel de expresións artísticas, co que se converteu nun referente da propia cultura de Galiza, como unha oportunidade para o intercambio e coñecemento doutros pobos”.

A edición de 2020 tamén tivo que ser cancelada pola pandemia

Coa intención de ofrecer o mellor Festigal, a organización viuse na obriga de cancelar a edición deste 2021. “O Festigal é sinónimo de música, de festa, de país e tamén de liberdade; de poder ofrecer todo un escaparate de difusión da nosa cultura".

Mais "as actuais medidas sanitarias non permiten ser fieis ao espíritu co que foi ideado o Festigal, unha experiencia segura, diversa e libre neste lugar de encontro entre milleiros de persoas que gustan de compartir experiencias arredor da música, libros, obradoiros, debates, artesanía, creatividade artística, xogos, gastronomía e asociacionismo entre o 24 e o 25 de xullo para celebrar o Día da Patria Galega”.

A pesar desta pausa obrigada de dous anos, o Festigal incide en que “ten futuro e anceios de seguir medrando e sumando”.

Por iso, sinala, a comisión comprométese a organizar unha edición 2022 “inesquecíbel, coincidindo co seu XX aniversario, onde a comunidade festigaleira poida celebrar de novo esta festa da nosa cultura e do noso país”.

Comentarios