Investigación

Estas foron as axudas institucionais recibidas pola fundación que xestiona a residencia do Barco intervida

Desde os seus inicios, a Fundación Fátima contou con importantes apoios institucionais, tanto no financiamento inicial como a través de privilexios obtidos polo seu carácter “benéfico”, así como o convenio en vigor que mantén co Sergas. Abordamos os apoios institucionais cos que contou a entidade xestora da residencia de maiores do Barco, así como detalles da intervención xudicial de 2009-2010 que explican o modus operandi da trama.
7b0cb2d9-6dc6-43ae-a15b-6ffcce204ac3
photo_camera Extractos do informe ao que tivo acceso Nós Diario.

A residencia Nuestra Señora de Fátima do Barco ten ocupado numerosas páxinas na prensa local desde a súa xestación. As súas instalacións sitúanse en terreos que eran municipais e foron cedidos á Fundación en setembro de 2007 cos votos da maioría absoluta do PSOE, logo de teren saído a poxa pública.

O Concello ingresaba pola cesión dos terreos 336.000 euros (o prezo taxado polo arquitecto municipal), se ben os ingresos puideron ser maiores de non conseguir unha vantaxosa exención do IVE, que fontes municipais achacaron a un erro administrativo. O Concello deixaba así de ingresar “284.341 euros”, segundo o edil do PP naquela altura, Moisés Blanco. O Partido Popular, de feito, votou contra a cesión e denunciou que a Fundación que dirixía Gerardo Rodríguez Encinas contou con “demasiadas facilidades”. O BNG abstíñase.

Dous meses despois, en decembro de 2007, o Concello cedía gratis un anexo ao terreo do edificio para a residencia, unha antiga pista de tenis municipal, destinada para espazos ao aire libre. Outra vez, a maioría absoluta do PSOE permitía a aprobación da doazón, cos votos contrarios da totalidade da oposición. “É un regalo a unha empresa. Propoño que o solar sexa de titularidade municipal e que estea aberto ao uso de todos os veciños, incluídos os residentes”, declaraba a concelleira do BNG, Isabel Gacio, a La Región.

"Xa tivo bastantes axudas do Concello"

Pouco antes de iniciar a actividade, no mes de abril de 2009, o pleno municipal do Barco aprobaba declarar en favor da Fundación unha exención do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) polas obras de enganche da electricidade. Outra vez, o “carácter social” da entidade catalogada como benéfica servía para incrementar os seus beneficios privados. O BNG opúñase en solitario mentres que os votos do PSOE e PP daban luz verde á medida. Isabel Gacio criticaba que a fundación “xa tivo bastantes axudas deste Concello” ao mesmo tempo que lembraba que se trata dun negocio con “ánimo de lucro”.

O impulso definitivo para a construción do xeriátrico chegaba coa subvención do grupo de desenvolvemento rural Agader por valor de 1,4 millóns, en que estiveron implicados o concello do Barco e outros tres da comarca de Valdeorras, baixo o paraugas da Unión Europea. Segundo transcendía publicamente, contou con informes contrarios por parte do secretariado pola súa oposición a outorgar unha suposta exención do IVE. A Deputación completaba o financiamento pondo ao dispor do Concello 200.000 euros para apoiar a residencia.

O propio Concello solicitou axudas por parte da Xunta en 2013 para subvencionar prazas, dados os problemas para cubrilas nos primeiros anos da residencia, o que provocaría que “os maiores do Barco estean marchando” para outros concellos, segundo o alcalde Alfredo García. “Preocúpame máis a falta de prazas concertadas que o retraso no rexistro do terreo”, en alusión á inscrición irregular dos terreos relatada onte por Nós Diario. A Fundación tardou 5 anos en pór ao seu nome o espazo cedido.

Finalmente, en setembro de 2014, chegaba a sinatura do convenio de colaboración entre a Fundación Fátima, representada por Virginia Arambillete, e o Sergas. A residencia do Barco ofrecía 10 prazas para pacientes maiores con problemas graves de dependencia, derivados do Hospital Comarcal de Valdeorras. O convenio, que ten sido renovado desde entón, estaba dotado en 2018 cun montante de 139.440 euros, tal e como consta no DOG.

Os vínculos do PP con Encina

Na secuencia da intervención xudicial de 2009-2010, a Xunta optou por asumir un papel pasivo, no cal acabou por certificar a continuidade do grupo fundador ao mando. O propio presidente da Deputación, José Luís Baltar, asumía que a iniciativa “debe levala a Xunta”, póndose á súa disposición, tal e como foi difundido, na busca de solucións para a viabilidade da residencia unha vez fora intervida. Os tribunais fallaron a favor de Rodríguez Encinas e a Xunta evitou tomar medidas a pesar da dureza das acusacións do informe do administrador xudicial, que o Goberno Feixoo coñecía.

Diferentes fontes municipais, así como o xornal El País, apuntan á vinculación de Gerardo Rodríguez Encinas, o creador da Fundación Fátima, co Partido Popular.

[Podes ler o texto íntegro da reportaxe de investigación no Nós Diario que atoparás o 8 de xullo de 2020 nos quiosques e tamén na loxa. Lembra que podes subscribirte nesta ligazón]

Comentarios