Investigación

Un "bar de señoritas", xermolo dunha das residencias de maiores intervidas pola Xunta

A residencia do Barco foi unha das tres intervidas pola Xunta da Galiza durante a crise sanitaria. Dez anos antes xa fora obxecto doutra intervención, xudicial, que destapou unha trama acusada de utilizar os xeriátricos con fins lucrativos. Nós Diario investiga a Fundación Fátima, cuxas irregularidades acabaron por desembocar na situación actual. A mesma Xunta que agora abre un expediente sancionador, era coñecedora da situación, eludiu responsabilidades na última década e consentiu a continuidade dos seus xestores.
 
photo_camera Recortes de prensa relacionados coa trama da Fundación Nuestra Señora de Fátima e extracto do informe de rendición de contas do administrador xudicial que xestionou a residencia entre 2009 e 2010.

A intervención da Fundación Nuestra Señora de Fátima por parte dun xulgado catalán a finais de 2009 sacaba á luz un entramado societario investigado por apropiación indebida de 8,4 millóns de euros, malversación de fondos públicos e fraude á seguridade social. Á súa fronte estaría o valdeorrés Gerardo Rodríguez Encinas, que era interceptado pola Garda Civil cando pretendía retirar 1,8 millóns de euros da fundación no momento en que as súas contas estaban a ser bloqueadas.

Naquela altura, a actividade da residencia do Barco era aínda practicamente nula, así como a de varios dos centros de maiores que a mesma fundación levaba xestionando uns dez anos en Catalunya. Este feito chamou a atención do administrador xudicial que tomou as rendas da entidade, Carles Enric Moner i Codina, quen acabou considerando que, "sen a intervención xudicial", Rodríguez Encinas tería conseguido "espoliar a fundación, apropiándose dos centros por el construídos para dedicalos a hoteis", segundo consta no informe de rendición de contas da administración, ao que tivo acceso Nós Diario.

'Negocio redondo'

Gerardo Rodríguez, coñecido popularmente como Cereixo, obtivo en 2007 unha vantaxosa cesión de terreos para a construción do xeriátrico, así como axudas comunitarias dos fondos Agader (nas cales participaron varios concellos da comarca) por valor de 1,4 millóns (que incluían exencións de IVE) e financiamento da Deputación.

Aínda que a cesión de terreos, aprobada pola maioría plenaria do PSOE, era destinada á fundación, Rodríguez Encinas conseguiu escriturar no Rexistro da Propiedade a titularidade da parcela a nome da empresa Rodríguez y Dalila S.A., conforme consta no informe da administración xudicial, incorporando unha cláusula pola cal "se a fundación cesa na actividade xeriátrica", o edificio pasaría ás mans da citada sociedade patrimonial, ademais de estabelecer un "dereito de superficie a favor da fundación de 5 anos".

[Nota aclaratoria: Nós Diario puido saber que 5 anos despois da construción da residencia as terras pasaban a ser escritas a nome da fundación, tal e como Nós Diario fixo constar  na reportaxe publicada o 8 de xullo. Desta maneira, Rodríguez Encinas perdería os vínculos formais coa residencia. Porén, Política Social eludiu aclarar os datos reais sobre a composición do padroado actual da fundación]

Os tribunais benefician a continuidade de Cereixo

A intervención ditada polo Xulgado de Instrución nº19 de Barcelona tería paralizado a operación destinada a apropiarse de edificios construídos con fondos públicos á que apunta a Administración Xudicial, se ben Gerardo Rodríguez Encinas conseguiu salvar, até o momento, os diferentes obstáculos xudiciais que enfrontou, así como os seus litixios coa Seguridade Social e co propio Carles Moner.

Cuestións formais, malentendidos e a actuación por parte da Fiscalía acabaron por incidir en sentenzas que absolveron o empresario e condenaron Moner. Segundo relata un dos avogados do administrador xudicial, "en 30 anos de exercicio nunca tiñamos visto que a Fiscalía designase un fiscal especial para seguir os asuntos particulares dun cidadán".

As informacións obtidas durante a intervención, ás que Nós Diario tivo acceso, non foron tidas en conta en varias causas —considerando "ilícita" a súa procedencia— e acabaron por non ser investigadas polas autoridades xudiciais. No entanto, fontes do equipo de avogados do administrador, que foi presidente da Asociación Profesional de Administradores Xudiciais de Catalunya, comunicaron a Nós Diario que están a tramitar unha denuncia na oficina anti-fraude da UE en relación ao uso das axudas obtidas por parte dunha fundación que, ademais, consideran non rexistrada.

A propia Xunta respondeu a este xornal que lle fora denegada a inscrición no rexistro de Fundacións de Interese Galego en 2010, se ben evitou pronunciarse sobre a modalidade de rexistro a partir da cal consentiu a súa actividade até o día de hoxe. Os avogados do administrador xudicial están pendentes da resolución dun recurso de casación presentado ante o Tribunal Supremo no proceso xudicial que cuestiona a validez xurídica da propia fundación por considerar que non está inscrita correctamente no Rexistro e "carece de bens fundacionais", polo que "non existe".

Do 'Shangai' aos xeriátricos

Rodríguez Encinas dedicouse presuntamente ao sector do 'alterne' no Barco durante os anos 80 do século pasado, conforme puido saber Nós Diario a través de tres fontes veciñais e xornalísticas, actividade que aseguran era vox populi na vila e que continuou até os 90. O citado informe do administrador xudicial recolle que "rexentaba un bar de señoritas, o Shangai", situado na rúa Real, antes de dar o salto aos xeriátricos.

"Pregúntome canta xente tragou con este negocio 'xeriátrico', os que temos idade suficiente recordamos quen é dito ex presidente e nunca vimos outra cousa que intereses propios", escribía un internauta en obarco.com en 2010. Xa no ano 2004, o recoñecido proxeneta barquense Pablo Mayo anunciara a súa intención de abrir unha residencia de maiores no concello, nesta ocasión cedendo el mesmo os terreos. O proxecto, para o que solicitara apoio da Xunta, non fora adiante, mentres que Encinas administraba xa residencias en Catalunya. Mayo, hoxe falecido, fora presidente da Asociación Nacional de Empresarios de Locales de Alterne.

[Podes ler a reportaxe íntegra en Nós Diario, á venda o 7 de xullo de 2020 nos quiosques e tamén na loxa. Podes subscribirte a Nós Diario nesta ligazón]

Comentarios