Formoso apela a reformar o Estatuto: "Galiza precisa máis ferramentas"

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, expresou no Día da Patria Galega a súa oferta a PP e BNG para sentar a dialogar e reformar o Estatuto de Autonomía.

O PSdeG realizou a tradicional ofrenda floral ante o busto de Castelao en Rianxo (Imaxe: Cedida)
photo_camera O PSdeG realizou a tradicional ofrenda floral ante o busto de Castelao en Rianxo (Imaxe: Cedida)

"Galiza necesita máis ferramentas para poder xerar maiores oportunidades de futuro para o seu pobo", proclamou Formoso esta segunda feira, no marco da tradicional ofrenda floral ante a estatua de Castelao en Rianxo.

"Está encima da mesa para sentarnos a falar con total consenso e tranquilidade", manifestou o dirixente do PSdeG, quen incidiu en que é "imprescindíbel reformar" o marco estatutario.

Para evidenciar a necesidade de actualizar o texto normativo, lembrou que en 1981 non había "nin internet" nin estaba aprobado o divorcio.

Ademais, o secretario xeral dos socialistas galegos subliñou que outras autonomías do Estado español incorporaron novas competencias a través das reformas dos seus respectivos estatutos. "Aí está a cesión das autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre, de que dispón Andalucía e moi pronto Canarias", empregou de exemplo Formoso.

Ademais, criticou que despois de "13 anos" o Goberno galego “non reclamou” ningunha competencia nova para Galiza.

Convencido de que hai cuestións que se decidirán mellor "desde San Caetano" que desde Madrid, Formoso enarborou o “galeguismo” da súa formación política para asegurar que o PSdeG defenderá Galiza por diante do partido. "Nunca imos pór o partido por diante de Galiza", salientou.

Legado "galeguista" do PSdeG

Formoso rematou a súa intervención reivindicando o compromiso "galeguista" de “raíces ben profundas” que ten o PSdeG. Sinalou que, durante a II República española, os socialistas “acompañamos Castelao no impulso do Estatuto de 1936”.

“As nosas siglas son as que escolleron Ramón Piñeiro ou Carlos Casares para participar na política”, abondou Formoso, quen tamén lembrou a militancia de Celso Emilio Ferreiro.

Comentarios