Entrevista

Valentín González Formoso: "As decisións nos ámbitos estratéxicos da Galiza teñen que tomarse aquí"

Valentín García Formoso (As Pontes, 1971) defende unha actualización do Estatuto de Autonomía que "adecúe" Galiza aos novos tempos. Unha ferramenta, indica o secretario xeral do PSdeG, que "supere" os anos de "resignación" dos Gobernos do PP e permita un país "mellor para todos e todas".
O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, aspira nas primarias a liderar o PSdeG (Foto: Nós Diario)
photo_camera (Foto: Nós Diario)

Ás portas do 25 de Xullo, cal é a mensaxe que o PSdeG quere trasladar á sociedade galega?

É unha data sinalada que nos ten que valer para remover a conciencia de que a Galiza precisa ter todos instrumentos de autogoberno e activar as potencialidades que iso permite despregar. Iso significa que ten unha parte de compromiso, de identidade, de valores propios. E outra parte de compoñente de practicidade como país que precisamos contar con aqueles instrumentos que agora mesmo nos permitiría un Estatuto de nova xeración. Un Estatuto que reflicta a nova variedade sociolóxica galega, enmarcada nunha nova realidade global. Cando se aproba o Estatuto de Autonomía, por exemplo, non existía a Unión Europea nin o fenómeno da globalización. Hai que actualizar o documento, tanto na vinculación ás nosas raíces como instrumento para despregar políticas que nos permitan dar calidade de vida á xente, que en definitiva é o noso obxectivo. As decisións nos ámbitos estratéxicos da Galiza teñen que se adoptar aquí, na Galiza, e non no paseo da Castellana, en Madrid. 

Desde o PP estase a incidir na reclamación da transferencia das competencias sobre o litoral, cunha mensaxe de defensa do autogoberno ante o Goberno español.

Goberna na Galiza un partido que durante todos estes anos non quixo saber nada de transferencia de competencias nin de reforma do Estatuto. Non considerou que o documento base das institucións galegas se debía actualizar, dou as costas á todas aquelas realidades que modificaron a nosa vida diaria. 

E non fixo iso froito dunha reflexión conxunta de se é necesario ou non facelo, non o fixo porque nin mira para o Estatuto, non ten nese sentido ningunha vinculación con Galiza máis que a ansia de que haxa unha dependencia política a respecto do aparato do PP. Eu creo que o pobo galego require que as forzas progresistas nos comprometamos coa actualización dese documento.

Vén de rematar un curso político complexo, marcado pola pandemia, a crise de prezos, a marcha de Núñez Feixoo a Madrid e a súa substitución na Presidencia da Xunta por Alfonso Rueda.

Ninguén hai catro anos podía imaxinar este escenario. Iso exixe a todas as formacións políticas altura de miras para a realidade conxuntural na que estamos. Agora mesmo hai que priorizar afrontar eses escenarios nos que os sectores estratéxicos da economía galega poidan estar atendidos. Nese senso, desde o PSdeG estamos para dar o mellor de nós mesmos, somos un partido que goberna no ámbito municipal 62% da poboación galega.

En setembro arranca un novo curso político que ten como horizonte máis próximo as eleccións municipais..

O reto é seguir medrando. Temos a tarefa de consolidar os proxectos nas grandes cidades, proxectos que poidan servir de guía e de e exemplo. Tivemos un papel importante facendo soñar a xente, liderando os cambios políticos e sociais na Galiza.

Agora mesmo gobernamos en 110 alcaldías en toda a Galiza, gobernamos nas cidades, iso é unha responsabilidade enorme, a de dar resposta a unha cidadanía galega que nos concellos opta polo que representa o PSdeG. Queremos seguir a ofertar a máis concellos esa forma de entender a política, esa forma de entender a xestión, que pasa por querer compartir proxecto cos cidadáns e cidadás, e a mellor maneira de afrontar retos futuros e de afrontar o reto da Xunta con marxe suficiente é obter esa confianza nos concellos.

Como valora a xestión por parte da Xunta da Galiza da ac-tual crise de prezos?

Pódese resumir nun termo, que é o que leva marcando todos es-tes anos de Goberno do PP na Galiza: resignación. E esa resignación lévanos a perder poboación, a que a mocidade marche, con todo o que iso implica. É a resignación que fixo que os galegos e galegas esteamos agora endebedados en 4.000 euros máis per cápita, o que fai que perdamos 68.000 postos de traballo na industria nestes anos. E tamén, nun momento como este, esa resignación supón renunciar a mandar sinais ao pobo galego de que este país ten futuro, de que ten posibilidades de tomar decisións, implica non aproveitar as potencialidades. Alfonso Rueda podía tomar decisións importantes para axudar a pemes, autónomos, gando, sector do mar... Mais prefire non exercer, obviar todo iso. E así poderiamos seguir até completar un longo catálogo de campos onde o Goberno de Alfonso Rueda podería actuar e non o fai. 

Comentarios