Formoso insta Feixoo a facilitar os parques eólicos necesarios para dar un prezo competitivo da enerxía a Alcoa

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reunido co comité de empresa da planta de Alcoa.
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reunido co comité de empresa da planta de Alcoa.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, emprazou ao presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, a "facilitar a tramitación de todos os parques eólicos que sexan necesarios para que o prezo da enerxía sexa competitivo" para a planta de Alcoa en San Cibrao.

O líder dos socialistas galegos pronunciouse así tras se reunir en Foz co comité de empresa da factoría. Na súa intervención, da que informou o PSdeG, acusou Feixoo de ir "a San Cibrao a meter medo a toda unha comarca" e "pór en dúbida o traballo enorme dos representantes dos traballadores" da planta de aluminio.

González Formoso, ex traballador de Iberdrola, defendeu no pasado a "bondade" do sector eólico, cuxo problema, dixo, radica na forma de implantalo.

Neste sentido, advertiu da existencia de proxectos bos e malos, ao igual que a existencia bos e malos promotores, polo que o máis lóxico "é non renunciar a nada", declarou no mes de decembro nun encontro organizado pola Asociación de Empresarios de Ferrolterra.

Pór en marcha as cubas

O responsábel socialista esixiulle ao presidente da Xunta que acuda a "mostrar un camiño de luz e esperanza" e emprazou a todas as administracións implicadas a que "poñan toda a carne no asador" para "acompañar no proceso" e que "a posta en marcha das cubas sexa unha realidade".

Ademais, Formoso ratificou o apoio "completo" do PSdeG "a toda unha comarca que ten que volver producir aluminio primario", recalcou, unha necesidade "estratéxica para a Galiza" e para o conxunto do Estado.

O xefe dos socialistas galegos desprazouse até A Mariña para "coñecer ao detalle o seguimento do acordo formado coa compañía". No encontro tamén estiveron presentes a parlamentaria autonómica Patricia Otero e o secretario de Industria do PSdeG e alcalde de Ferrol, Ángel Mato.

Comentarios