Nova reunión sobre o futuro de Alcoa no día en que se apagan as cubas

Segundo o acordo asinado coa multinacional, a produción retomarase en 2024 sen recortes no cadro de persoal.
Os traballadores de Alcoa en San Cibrao din que continuarán coas protestas até que o Ministerio de Industria explique os seus plans (Foto: Arxina/Europa Press).
photo_camera Os traballadores de Alcoa en San Cibrao din que continuarán coas protestas até que o Ministerio de Industria explique os seus plans (Foto: Arxina/Europa Press).

A segunda mesa de seguimento de Alcoa terá lugar esta quinta feira, 20 de xaneiro, ás 13 horas en Madrid, no Ministerio de Industria, segundo confirmaron na cuarta feira desde o propio departamento estatal.

Malia que non confirmaron quen representará o Goberno estatal na mesa, á reunión si está previsto que asista a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta, Paula Uría, e membros do Comité de Empresa de Alcoa, tal e como asegura o seu presidente, José Antonio Zan, á axencia Europa Press. Zan lamenta non ter sabido da reunión "cun pouco máis de antelación", mais aínda así celebra que por fin teña data, posto que, sinala, agardábana desde hai tres semanas.

En relación aos temas que se abordarán na reunión, o comité "precisa" saber da situación na que se atopan os permisos e concesións dos parques eólicos que fornecerían a planta de enerxía eléctrica, "que ten que autorizar a Xunta e o Ministerio de Transición Ecolóxica".

De feito, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, avanzaba hai unha semana que o Goberno galego priorizará a tramitación de parques eólicos que destinen 50% da súa produción á industria a través de acordos PPA de prezos fixos da enerxía.

Feixoo anunciábao nunha comparecencia ante os medios tras reunirse coa ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, na que tamén trasladou a súa "preocupación" polo "impacto" que o prezo da enerxía ten nas industrias electrointensivas e hiperelectrointensivas galegas.

Esta será a mensaxe na que volverá insistir a Xunta, que "espera" a participación do Ministerio e afirma que volverá pedir "o que vén pedindo desde que comezou todo isto: un prezo eléctrico competitivo, que permita frear o impacto do encarecemento da enerxía na industria electrointensiva e para que poida competir en igualdade de condicións con outros países europeos".

Apagado das cubas

Esta nova reunión sobre o futuro de Alcoa prodúcese o mesmo día no que está previsto que se complete o apagado das 512 cubas de electrolise da factoría de Cervo, de acordo co pacto asinado en decembro pasado entre a multinacional e o persoal da planta. Segundo este acordo, Alcoa reactivará a maquinaria en 2024 e retomará a produción sen recortes no emprego, cando menos, até 2026.

Comentarios