Formoso anuncia unha campaña electoral "con ilusión e forza" para mobilizar ao voto útil

O líder dos socialistas galegos interveu na convención na que participaron tódolos candidatos socialistas ao Congreso e Senado nas próximas eleccións.
Formoso, na convención de candidatos e candidatas que tivo lugar este sábado 24 de xuño en Compostela.
photo_camera Formoso, na convención de candidatos e candidatas que tivo lugar este sábado 24 de xuño en Compostela.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, anunciou hoxe unha campaña electoral centrada na “ilusión e forza” dos socialistas, encamiñada a mobilizar o voto útil para impedir a regresión nas conquistas sociais. Así o dixo na Convención de candidatos e candidatas socialistas ás eleccións do 23X, hoxe en Santiago, na que advertiu que “non queremos volver a España en branco e negro de 50 anos atrás”.

O responsable socialista sinalou que “necesitamos o amplo apoio da sociedade galega para frear a chegada da dereita e da extrema dereita” e a súa folla de ruta para “reverter os avances sociais”. Reivindicou o apoio ao PSOE, que “se parece á mellor España e á mellor Galiza”, e que abandeira os avances sociais, como demostrou nos momentos difíciles da pandemia e da Guerra de Ucraína.

Chamou ao orgullo socialista apelando á acción goberno que puxo o Estado español á vangarda da UE ao blindar dereitos como a Dependencia, e o que garante a “seguridade xurídica e económica e unha liberdade sen parangón”. Anunciou unha “campaña pedagóxica” dirixida a “mirarlle á faciana aos galegos e ás galegas” para que reflexionen sobre o goberno que queren “para as súas familias”.

 

 

Alertou fronte á opción que representan a dereita e a extrema dereita, con “persoas que negan o cambio climático e os dereitos das mulleres, ás que queren facer escoitar o latido do feto” ás mulleres que se ven obrigadas a interromper o embarazo. Aludiu así ás polémicas propostas do goberno de Castela e León e á designación como presidenta do Parlamento de Aragón a unha muller negacionista das vacinas e do cambio climático.

Dixo que nos próximos comicios a alternativa xogarase entre o programa regresivo de PP e Vox, que queren “pensións non garantidas, reformas laborais regresivas, con millóns de traballadores e traballadoras máis desprotexidas”, ou á opción do PSOE, centrados no progreso social e a “defensa dos dereitos de todos e de todas”.

Advertiu que tanto Feijóo como Rueda queren “chegar ao poder de calquera maneira posíbel, mesmo poñendo en risco os avances sociais do país”. Puntualizou que “o PSOE non o vai permitir”, porque “non queremos un consello de ministros no que estea a extrema dereita”, que queren “paralizar os dereitos sociais e laborais, a cultura máis casposa e prohibir a diversidade lingüística e cultural”.

Dixo que a precampaña comeza aínda cos efectos dunhas eleccións municipais nas que o PSdeG pasou a ser a forza que representa a máis galegos, gobernando a 1,2 millóns de persoas, máis que a suma de PP e BNG. Cando aínda quedan por constituír 13 corporacións municipais, os socialistas lideran 101 gobernos, demostrando o “músculo institucional e de representatividade” desta formación. 

 

Comentarios