CIS de xuño para as eleccións estatais: o PSOE superaría o PP, Sumar sería terceira forza e o BNG crecería respecto a 2019

É o primeiro tras as eleccións locais.
Estimación de voto do CIS de xuño.
photo_camera Estimación de voto do CIS de xuño.

O Barómetro de Opinión realizado en maio polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) e presentado esta sexta feira, o primeiro tras as pasadas eleccións locais, segue a manter na cabeza o PSOE con medio punto de vantaxe sobre os populares de cara ás próximas eleccións estatais e con Sumar, desta volta incluíndo xa a Podemos, por riba de Vox.

En concreto, o CIS outorga ao PSOE unha estimación de voto de 31,2%, dous puntos máis que no mes anterior, mentres que o PP anota un 30,7%, isto é, 2,5 puntos por riba do seu resultado de abril. A coalición Sumar, con base nas mesmas estimacións, medraría dous puntos, até copar 14,3% dos votos —pero 4,1 puntos menos, porén que o que lograban Sumar e Unidas Podemos por separado en maio—, e a ultradereita de Vox ficaría co mesmo dato que en maio, 10,6%.

O CIS de xuño segue a conceder ao BNG un mellor resultado que o obtido nas urnas en 2019 (0,5% do voto total no Estado español), dando aos nacionalistas galegos desta volta un 0,7%, unha décima menos que no anterior barómetro mais garantindo a representación.

Unha maior caída é a que experimentaría ERC, que, sempre segundo o CIS, perdería en xuño en comparanza con maio seis décimas, ficando en 1,8% dos apoios totais a nivel estatal. O seu descenso rentabilízao Junts, que sobe catro décimas e alcanza 1,6% en estimación de voto. A CUP baixaría dúas décimas, até 0,5%.

As forzas nacionalistas medrarían en apoios en Euskadi de forma considerábel, tanto o PNV, que pasa do 0,9% que lle outorgaba o CIS o pasado mes ao 1,1% do presente, como EH Bildu, que racha o empate de maio coa formación jeltzale até case duplicar a estimación de voto, con 1,6%.

Os animalistas de Pacma perderían apoios; case a metade, segundo o último barómetro, pasando de 1,2% a 0,7%. Finalmente, ficarían invariábeis os resultados de Coalición Canaria (0,3%), Teruel Existe (0,1%) e UPN (0,1%). O sufraxio para outros partidos abranguería até 4,1% da suma total, mentres 1,1% das e dos electores votaría en branco de convocárense hoxe eleccións.

Comentarios