O ferrolán Suso Díaz, pai de Yolanda Díaz, fechará a lista de Podemos e EU na Coruña

Suso Díaz desempeñou o cargo de Secretario Xeral de CCOO, liderando o sindicato varios lustros.
Suso Díaz e José Manuel Sande (Foto: Podemos A Coruña).
photo_camera Suso Díaz e José Manuel Sande (Foto: Podemos A Coruña).

O sindicalista Suso Díaz fechará a lista de Por Coruña, a candidatura ás eleccións municipais do 28-M conformada por Podemos, Esquerda Unida e Alianza Verde con José Manuel Sande como candidato á Alcaldía.

Suso Díaz, pai da vicepresidenta segunda do Goberno españo, Yolanda Díaz, foi traballador de Astano, onde desenvolveu unha intensa actividade sindical que o levou á cadea por negarse a pagar unha "sanción inxusta".

Desempeñou o cargo de Secretario Xeral de CCOO, liderando o sindicato varios lustros. Nacido en Ferrol, ten unha "especial relación coa cidade herculina", segundo indican desde Por Coruña.

Díaz dá este paso sinalando que a candidatura de José Manuel Sande, Podemos, EU, Alianza Verde "é o espazo de unidade da esquerda na Coruña, e o revulsivo que precisa o Concello para impulsar políticas municipais que axuden a veciñanza da cidade".

Pola súa parte, o alcaldábel José Manuel Sande subliñou "o seu activismo antifranquista, cun compromiso inquebrantábel pola democracia, e agradeceu o paso que dá agora para formar parte dunha candidatura de unidade onde as forzas políticas combinarán cunha diversidade de perfís de persoas independentes".

Ex da Marea Atlántica

José Manuel Sande foi edil de Cultura na etapa de Goberno de Xulio Ferreiro como alcalde, e tamén foi senador. 

"É necesaria unha esquerda que volva ser importante para a cidade e queremos ser influentes e relevantes", destacou Sande na súa presentación como candidato, e asegurou que "non pode haber un atraso ao bipartidismo nin tripartidismo".

Comentarios