O ex alcalde da Coruña Xulio Ferreiro opta pola Marea Atlántica e non pola candidatura de Podemos

O candidato á Alcaldía pola Marea Atlántica, Xan Xove, transladou o seu agradecemento a Ferreiro porque acepte "dar o paso para seguir construíndo esa Coruña solidaria, inconformista e xenerosa na que nos recoñecemos".
Xulio Ferreiro con Xan Xove (Foto: Marea Atlántica).
photo_camera Xulio Ferreiro con Xan Xove (Foto: Marea Atlántica).

O ex alcalde da Coruña e actual decano da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña (UDC), Xulio Ferreiro, sumarase á candidatura da Marea Atlántica nas eleccións municipais do 28 de maio, fechando a lista electoral.

Ferreiro decántase así pola Marea Atlántica e non pola candidatura de Podemos-EU cuxo candidato, José Manuel Sande, foi concelleiro seu durante a súa etapa de rexedor.

A Marea Atlántica publicou un comunicado no cal o ex rexedor se mostra "orgulloso de participar na campaña que levará a Marea Atlántica de volta ao Goberno da Coruña cun excelente candidato", sinala sobre Xan Xove.

"Equipo plural"

Do mesmo, afirma que é un candidato "que lidera un equipo plural, comprometido e con valentía necesaria para facer os cambios que esta cidade necesita para o futuro".

"Non pararon de traballar desde que foron escollidos en primarias, reuníndose con ducias de colectivos", engade sobre os demais integrantes da candidatura.

Por iso, afirma que se une "con orgullo" á campaña da Marea Atlántica e nunha candidatura que foi incorporando a referentes de diversos sectores sociais.

Pola súa parte, Xan Xove transladou o seu agradecemento a Ferreiro porque acepte "dar o paso para seguir construíndo esa Coruña solidaria, inconformista e xenerosa na que nos recoñecemos".

Comentarios