Sumar esperará até que pase o 28-M para se organizar na Galiza

Sumar, o proxecto político de Yolanda Díaz que tivo este domingo en Madrid a súa posta de longo, non existe como tal na Galiza. Polo de agora. A intención deste movemento é agardar ao paso das eleccións municipais do 28 de maio para pórse mans á obra e construír na Galiza un proxecto que, até o de agora, ten na dirección de Podemos Galiza o seu único aliado de certo calado.
Yolanda Díaz durante a clausura do acto de Sumar en Madrid (Foto: Carlos Luján / Europa Press).
photo_camera Yolanda Díaz durante a clausura do acto de Sumar en Madrid. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

No concorrido acto de Sumar no polideportivo Antonio Magariños —apelido de orixe galega do madrileño que fundou o CB Estudiantes e impulsou o primeiro bacharelato nocturno no Estado— había unha nutrida representación de rostros galegos. De Marta Lois —profesora na USC, ex portavoz de Compostela Aberta e referente de Sumar na Galiza á que moitos auguran un "papel fundamental" no proxecto de Díaz a nivel estatal— até o candidato da Marea de Vigo, Rubén Pérez; pasando por José Manuel Sande, alcaldábel pola Coruña de Podemos-Esquerda Unida ou o deputado Antón Gómez Reino.  

Mais esa presenza galega non implica que o proxecto de Yolanda Díaz teña a estas alturas arraigamento na Galiza. "Non existe unha estrutura de Sumar aquí, o que si hai é unha serie de referentes que se aliñan con el", indican fontes consultadas por Nós Diario. Entre eses referentes, Marta Lois. Lois, que está á fronte da área de Coidados de Sumar, apuntaba esta segunda feira a este diario que "de momento non está na axenda" a construción na Galiza dunha estrutura para Sumar, "estamos centrados nas municipais, onde si participan moitos compañeiros e compañeiras identificados con Sumar".

Marta Lois apela á necesidade de ir "pouco a pouco", "paso a paso" e incidindo en que os partidos "están para acompañar" e non protagonizar "este lugar de integración das esquerdas á esquerda do PSOE".

A dirección de Podemos Galiza é o principal apoio de Yolanda Díaz, o que contrasta co conflito a nivel estatal entre Sumar e Podemos. Porén, unha parte da organización galega, nucleada ao redor de 'Rexurdir', disente dese posicionamento favorábel liderado por Gómez Reino e o coordinador de Podemos na Galiza, Borja San Ramón.

Confluencias

No espazo político que no seu día se coñeceu como "confluencias", o proxecto de Sumar non xera unanimidade. Anova non está nesa dinámica, como recoñecen fontes da organización, e sobre Esquerda Unida hai máis interrogantes que sobre o papel de Izquierda Unida, claramente aliñada coa súa outrora militante Yolanda Díaz.

No universo das mareas municipais polo de agora semella triunfar o "deixa a ver". Á heteroxeneidade das mesmas —"aquí hai de todo e para todo", como describe o integrante dunha delas— engádense os diferentes posicionamentos de cara ao 28-M. Podemos vai coa marea en Vigo mais non na Coruña nin en Ferrol. A postura sobre Sumar queda para o día despois dos comicios.

Por último, hai quen apunta que Díaz pode ter máis dificultades para sumar na Galiza que noutros territorios do Estado: "Aquí ten un longo pasado en política, en Madrid non" e certas actitudes e decisións da ferrolá "deixaron feridas" entre antigos aliados, recoñece un ex representante das mareas.

Comentarios