Feixoo, o senador designado polo Parlamento galego que non se interesa pola Galiza no Senado

"Considera o presidente do Goberno que o seu Executivo está á altura das necesidades das familias españolas?", "vai seguir reformando o Código Penal para favorecer membros do seu partido e os seus socios de Goberno?", "cal será a súa próxima promesa incumprida?", "cre que España merece un Goberno en crise permanente?" e "considera que os españois merecen que se lles diga a verdade?" foron as súas cinco intervencións orais ante o pleno. O BNG exixe que compareza no Parlamento galego para render contas.
Intervención de Alberto Núñez Feixoo durante unha sesión de control ao Goberno español no Senado. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
photo_camera Intervención de Alberto Núñez Feixoo durante unha sesión de control ao Goberno español no Senado. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

O Senado é, de acordo co disposto na Constitución de 1978, a Cámara de representación territorial. E para logralo procúrase unha distribución máis equitativa entre territorios: catro senadores e senadoras por circunscrición —agás nas illas e Ceuta e Melilla— e outros 57 que designan os parlamentos autonómicos; tres, no caso da Galiza. Eses tres, que dependen da correlación de forzas na Cámara, son na actualidade Xoaquín Fernández Leiceaga, do PSOE, e Miguel Tellado e Alberto Núñez Feixoo, do PP.

Tellado, que canda Feixoo chegou ao Senado en maio de 2022, e Leiceaga, con acta desde finais de 2019, teñen no seu historial unha actividade rexistrada moito maior que a do ex presidente da Xunta. No caso do socialista, segundo figura no portal de transparencia da Cámara alta, foi parte activa da tramitación de 16 proxectos de lei, alén de intervir en diferentes mocións e iniciativas de control ao Goberno. Rexistrou, aliás, unha pregunta oral ante o pleno —"sobre a marxe fiscal que ten o país para impulsar as políticas económicas e sociais que garantan un crecementos sostíbel"— e até 157 por vía escrita. Todas elas están vinculadas quer á xestión da pandemia da Covid-19 —nomeadamente durante os primeiros meses— quer a diferentes asuntos que afectan Galiza ou algún dos seus municipios.

E o historial do 'popular' Miguel Tellado, ex secretario xeral do PP na Galiza, é semellante, con 138 preguntas rexistradas por escrito, boa parte delas referidas a medidas adoptadas polo Parlamento galego ou a Xunta, e seis de forma oral, sobre a aplicación da Lei de costas, o veto europeo á pesca de fondo, a morte de decenas de persoas o pasado ano no valo de Melilla, os casos de corrupción "que están a xurdir estes días [en marzo de 2023] en diferentes comunidades autónomas", as relaciións entre o Goberno de Pedro Sánchez e as Cortes e a valoración do Ministro da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática do seu traballo nos últimos meses.

No caso do senador Feixoo, a cousa varía substancialmente. A súa actividade limítase a cinco preguntas orais no pleno, dirixidas ao presidente Pedro Sánchez, e a súa participación na tramitación dos Orzamentos Xerais do Estado de 2023. Ningunha das súas intervencións, porén, tivo a ver con asuntos relacionados coa Galiza ou o mandato do Parlamento que o designou, precisamente, para dar voz á Galiza e as súas institucións no Estado.

Olalla Rodil (BNG): "Fai pensar que aproveita esta plataforma [o Senado] para facer carreira política en Madrid"

E precisamente para pedirlle unha rendición de contas, pasado un ano do seu nomeamento, ante os deputados e deputadas de PP, PSOE e BNG no pazo do Hórreo. Os nacionalistas veñen de rexistrar unha petición de comparecencia que levará Feixoo de volta ao hemiciclo de que formou parte durante case 17 anos. "Foi nomeado pola Cámara galega para defender os intereses da Galiza e só rexistrou cinco preguntas alleas [á Galiza]", lamentou esta quinta feira a parlamentaria e viceportavoz do Bloque Olalla Rodil.

O "lóxico, democrático e transparente", subliñou Rodil, é que Feixoo acuda ao Parlamento, xunto cos outros dous senadores por designación autonómica —Tellado e Leiceaga— para "render contas". A nacionalista cre que o historial de Feixoo como senador "fai pensar que aproveita esta plataforma para facer carreira política en Madrid". E, de ser así, "o natural sería que o seu salario o pagase o PP e non todos os galegos", engadiu.

"Esta é a razón pola que solicitamos a comparecencia dos tres senadores", reiterou a parlamentaria, que sustenta a petición ao amparo do artigo 44.3 do regulamento do Parlamento da Galiza. Este artigo habilita que nas comisións parlamentarias, a través do presidente da institución, poida solicitarse a presenza de "funcionarios, autoridades e particulares".

O traballo de Feixoo

A primeira das súas interpelacións no pleno ao presidente do Goberno español, rexistrada o 31 de maio, formulouna nuns termos pouco concretos: "Considera o presidente do Goberno que o seu Executivo está á altura das necesidades das familias españolas?".

A segunda data do 16 de novembro, no marco da polémica xurdida arredor da supresión do delito de sedición e a reforma proposta da malversación. "Vai seguir reformando o Código Penal para favorecer membros do seu partido e os seus socios de Goberno?", dixo entón o líder do PP. O 15 de decembro rexistrou no Senado máis unha interpelación oral, un ataque máis directo aínda a Pedro Sánchez: "Cal será a súa próxima promesa incumprida?".

A seguinte intervención chegou xa este ano, o pasado 16 de febreiro: "O presidente do Goberno cre que España merece un Goberno en crise permanente?". E, finalmente, o 11 de maio preguntoulle: "Considera que os españois merecen que se lles diga a verdade?".

Comentarios