A Xunta da Galiza só logrou unha competencia en 14 anos

A Galiza só recibiu unha competencia nestes últimos 14 anos. A chegada do Partido Popular á Xunta da Galiza no ano 2009 paralizou o proceso de transferencias, incrementando aínda máis a fenda entre o nivel do autogoberno galego e o das outras nacionalidades históricas.

Alberto Núñez Feixoo e Pedro Sánchez, nunha xuntanza decorrida en xuño de 2020 (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Pedro Sánchez, nunha xuntanza decorrida en xuño de 2020 (Foto: Xunta da Galiza).

O 26 de setembro de 2022 fíxose efectiva a transferencia á Galiza da xestión do imposto sobre o depósito de refugallos en vertedoiros, a incineración e coincineración. O tributo, pensado desde un inicio como unha competencia autonómica, permitiu recadar ao Goberno galego de forma directa arredor de 17 millóns de euros. Neste caso, significou, tamén, pór fin a un período de 13 anos onde a Xunta non recibiu nin unha soa transferencia.

Alberto Núñez Feixoo non negociou o traspaso de ningunha competencia nos seus 13 anos á fronte do Goberno galego. Mesmamente prescindiu de continuar a tramitación daquelas acordadas en 2008 pola Xunta da Galiza e o Goberno do Estado referidas á Inspección de Traballo, á titularidade patrimonial dos bens da Tesourería da Seguridade Social ou aos centros de investigación de  Estado con sede na Galiza. Neste sentido, só reclamou a transferencia da xestión do dominio público marítimo terrestre e da AP-9.

O groso das competencias actualmente xestionados pola Xunta transferíronse nos primeiros anos do réxime autonómico. Malia que con anterioridade á aprobación do Estatuto de 1981 cedéronse á Galiza atribucións en materia de turismo, urbanismo ou transporte, foi unha vez aprobado o texto estatutario cando o Estado levou adiante o maior número de transferencias.

A Galiza recibiu 44% das súas competencias actuais entre 1982 e 1985. Nese período formalizáronse 68 traspasos, a razón de 20 en 1982, 18 en 1983, 17 en 1984 e 13 en 1985. Á volta de 1987, o Estado cedeu a formación profesional e as universidades, completando a xestión educativa, concretándose en 1990 as transferencias en materia sanitaria.

A segunda metade dos anos 90 foi escenario doutra avalancha de transferencias. A ausencia de maiorías absolutas no Goberno do Estado e a necesidade do apoios das forzas nacionalistas obrigou, primeiro ao socialista Felipe González e posteriormente ao popular José María Aznar a ceder un importante paquete de competencias ás autonomías, recibindo Galiza entre 1994 e 1999 até 46 competencias.  

As últimas cesións de competencias fixéronse efectivas en 2008. Nesa anualidade, o presidente español, o socialista Rodríguez Zapatero, e o vicepresidente galego, o nacionalista Anxo Quintana, pactaron a cesión de nove competencias, deixando para o seguinte ano o salvamento marítimo. Transcorridos 42 anos da aprobación do Estatuto de Autonomía existen competencias exclusivas recollidas no mesmo que continúan sen traspasar.

Entre estas sinálase “a creación dunha Policía Autónoma”, “o salvamento marítimo” ou as atribucións en materia laboral. Ao tempo, fican se transferir competencias parciais en materia educativa, como as bolsas e as axudas aos estudos non universitarios; en materia cultural, como algúns museos, arquivos ou bibliotecas; ou en materia de ordenación hidráulica, como a xestión da bacía do Miño-Sil.

Comentarios