martes 20/10/20

Feixoo promete continuísmo en sanidade e autogoberno para a lexislatura Covid-19

Arranca no Parlamento galego a XI lexislatura, na que o ámbito social, sanitario, laboral e o autogoberno están chamados a ser debates principais ante a crise provocada pola pandemia. O candidato a presidir a Xunta, Alberto Núñez Feixoo, prometeu na primeira sesión do debate de investidura afondar na mesma folla de ruta que viu aplicando na última década. De feito en materia sanitaria puxo o hospital de Vigo como bandeira da sanidade pública, o mesmo que a oposición sitúa precisamente como exemplo do modelo privatizador do PP. Tampouco anunciou mudanzas no modelo residencial pese ser o punto negro da crise. A reclamación dunha lexislación española homoxénea contra a pandemia, a volta ás aulas e a “okupación” de vivendas son cuestións que Feixoo colocou como prioridades.
Alberto Núñez Feixoo, no debate de investidura (Imaxe: Arxina)
Alberto Núñez Feixoo, no debate de investidura (Imaxe: Arxina)

Aplicar na XI lexislatura transformacións aos retos que pon a pandemia seguindo a mesma folla de ruta dos últimos dez anos da Xunta. Eis a receita que o candidato á Presidencia da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, presentou na primeira xornada da sesión de investidura que decorreu esta terza feira, 1 de setembro, no Parlamento galego. Será esta quinta feira, cando a oposición interveña  na Cámara e haxa réplicas entre as portavocías do PP, BNG e PSdeG, nunha segunda sesión de investidura que rematará coa votación para a elección do presidente galego.

O candidato do PP presentou esta terza na Cámara o programa co que quere gobernar Galiza durante os vindeiros catro anos. A primeira decisión do seu Executivo, segundo anunciou, será a convocatoria dunha mesa de dialogo social, respondendo así á exixencia da mesa de reconstrución da Galiza que lle realizou nos últimos meses a líder do BNG, Ana Pontón, e da petición de creación dunha comisión parlamentar que onte mesmo realizou o secretario xeral do PSdG, Gonzalo Caballero. 

Mais o continuísmo foi a chave do programa exposto por Núñez Feixoo. Aplicar innovacións e transformacións ante os retos abertos pola pandemia si, mais xirando ao redor da xestión realizada na última década polos Executivos que encabezou na Xunta. De feito, no plano da saúde puxo as actuacións realizadas en hospitais como o Álvaro Cunqueiro de Vigo ou os comarcais da Mariña e de Verín como escaparates do seu modelo, precisamente son estes centros que a oposición, sindicatos e usuarias teñen colocado como exemplos de desmantelamento e privatización da sanidade pública. 

Tampouco anunciou Núñez Feixoo novidades no modelo residencial, pese a seren os centros xeriátricos o punto negro e máis dramático da crise. Limitouse no seu discurso o candidato a presidente a realizar anuncios en chave de renovación tecnolóxica e de incremento de inspeccións, a pesar de que as reclamacións nos centros non foron atendidas nas últimas lexislaturas, como sinalou o informe de Contas de 2017 que alertaba ao Goberno galego da falla de medios e persoal nas residencias de maiores.

Feixoo aproveitou a intervención para pedir ao Estado un réxime legal homoxéneo para toda España negando que a solución sexa convocar estados de alarma, xa sexan a petición do Goberno español ou dos autonómicos. 

“Volvemos ser o pais europeo”, dixo Feixoo en alusión a España, “con peor evolución. Na Galiza o indicador continua por baixo da media estatal”, tendo “200 concellos sen rexistrar un caso en tres días e cunha situación actual de 161 casos activos en residencias”. Segundo o presidente, o país tamén aumentou a estocaxe de respiradores “e estamos a punto de triplicar o número de camas críticas. Pero isto será mais efectivo se hai coordinación. España erra se pensa que so hai dúas saídas para afrontar a pandemia: mando único e centralizar todo ou descontrol. Debe asumir que ten competencias que exercer, ao igual que teñen as comunidades. Para que existen 22 membros do Goberno estatal e ministerios coincidentes coas autonomías? Para que hai Ministerio de Educación se non ten responsabilidades en Ensino, ou Vicepresidencia Social se non ten a ver coa residencias?”, preguntouse Núñez Feixoo, para concluír sinalando  que “o Estado das autonomías é un Estado, non varios Estados”. 

De cara ás seguintes semanas da  pandemia, Feixoo anunciou “tests e máis tests”, especialmente ao persoal máis exposto e a aplicación Radar Covid estará, segundo afirmou, dispoñíbel nos vindeiros días. 

“Facemos 4.400 probas diarias de media, 68% máis das que se facía no pico do estado de alarma. Así somo máis eficaces e detectamos máis casos”, dixo o presidente  en funcións para engadir que nos vindeiros días estará dispoñíbel un test masivo a partir de probas de saliva¡, que se está preparando no Hospital de Vigo, e que se estenderá a toda Galiza coa capacidade de analizar 100 mil probas ao mes. 

En materia de sanidade Feixoo debullou tamén os seus compromisos: “completar a renovación integral do servizo de saúde é principal nesta lexislatura, comezando pola Atención Primaria. Impulsaremos 39 centros de saúde nesta lexislatura. Remataremos o impulso dado á atención hospitalaria, do mesmo xeito que puxemos en marcha o hospital público de Vigo e Lugo, e construiremos na Coruña novas instalacións para duplicar a superficie, e transformaremos o de Pontevedra e o de Ferrol, xa en contrición. Ampliaremos o hospital de Santiago e impulsaremos a segunda parte do da Mariña, incluíndo mellora no 100% dos comarcais”, precisou Feixoo. 

Lexislación homoxénea en España 

O presidente continuou colocando o balón no tellado do Goberno español. “España segue coa mesma lexislación sanitaria que antes da pandemia, resulta incomprensíbel que coa segunda onda sigamos igual. Non é nin novo nin normal, porque o estado de alarma é extraordinario, tanto se o pide o presidente do Goberno español como os autonómicos. Non pode ser a alternativa”, dixo. 

Nese sentido, defendeu mudar o marco normativo “que rixe para España para tomar decisións homoxéneas por territorios, pero cunha única lexislación. Por iso esta semana remitiremos un proxecto para unha lei orgánica de Saúde”, anunciou. Así mesmo, comprometeu que nesta lexislatura remitirá ao Parlamento unha norma autonómica de Saúde “para poder ter maior eficacia cando haxa que tomar medidas urxentes, concretando ao máximo” e regulando medidas postas en marcha durante a pandemia, como é o rexistro de persoas procedentes doutros territorios. 
O presidente tamén pediu ao Goberno español eliminar a taxa de reposición nas ofertas públicas de emprego de persoal sanitario. “Non ten sentido seguir prohibindo que se contraten máis profesionais dos que se xubilan”, alegou desde o atril. 

Educación

Feixoo tamén cargou contra o Goberno español por convocar tarde a conferencia de Ensino. “Non me sentín cómodo vendo a dilatación ao tratar” a volta ás aulas, dixo, a pesar de que sindicatos, profesorado e a comunidade educativa galega levan meses denunciando o desentendemento da Xunta co inicio do curso. 

“A apertura das aulas preocúpame e o curso ten que comezar con certeza”, dixo Feixoo, que asegurou que “os nenos volverán de forma escalonada porque iso facilita a adaptación ás medidas necesarias. Estamos realizando probas a todo o persoal e Galiza sumará os profesores necesarios para  atender as aulas”. 

Feixoo repasou as normas anunciadas onte mesmo pola Consellaría de Ensino, sinalando a obrigatoriedade da máscara a partir dos 6 anos, medidas de protección como ventilación e limpeza, dobres turnos e mamparas nos comedores, e plan de ensinanza virtual para cando se produzan brotes. “A educación será menos educación se non é presencial, por iso debemos aspirar a que o curso comece. Comprendo a preocupación e compártoa como pai”. 

Entre outras medidas anunciou que  reclamará a xestión para Galiza do Ingreso Mínimo Vital e actuar en materia de vivenda, para o que prometeu axudas en programas de alugueiro con opción a compra, axuda a aluguer e rehabilitación. Porén foi a crítica a “okupas” o que centrou a súa intervención en dereito á vivenda, asegurando estar preocupado pola “ocupación ilexítima de vivenda, que está crecendo de forma preocupante e débese actuar a nivel español modificando a lexislación”, dixo, antes numerosos aplausos da súa bancada. “O dereito constitucional á vivenda non pode colisionar con outros dereitos”, dixo.  

Feixoo tamén se amosou de novo en contra dos criterio “fixados discrecionalmente” para o reparto dos fondos Covid-19. “Galiza perdeu en relación con eses criterios 83 millóns, dixo, pese a que o PP votou a favor deses criterio no Congreso. Denunciou tamén o presidente a incautación das mensualidades do IVE que o Estado non devolveu a Galiza e amosouse en contra do acordo do Goberno español coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para a  confiscación dos  remanentes dos concellos. 

Estatuto para electrointensivas e reformular o Xacobeo para dinamizar a economía galega foron outras das  chaves  do discurso, xunto ao apoio á empresa forestal, nun guiño a Ence. 

comentarios