Puy anuncia "continuísmo" na folla de ruta de Feixoo co "aval" das urnas

O PP anuncia que estudará as propostas da oposición para a reconstrución.
O portavoz parlamentar do PP, Pedro Puy (Imaxe Europa Press)
photo_camera O portavoz parlamentar do PP, Pedro Puy (Imaxe Europa Press)

O portavoz parlamentar do Partido Popular (PP), Pedro Puy, trasladou esta segunda feira, 31 de agosto, que na súa formación son conscientes de que a situación actual, coa pandemia, pode requirir "adaptar" as súas políticas, mais incidiu en que as urnas avalaron a folla de ruta do presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, nos últimos anos cunha nova maioría absoluta de 42 escanos.

En rolda de prensa, Puy asegurou que o PP afronta o arranque desta XI lexislatura, marcada pola Covid-19, "consciente da importancia do momento que vive" a Galiza. Argumentou que o país "demandou estabilidade e unión" nas eleccións galegas e remarcou que, á marxe de cumprir con estes preceptos, os populares son partidarios de "tender a man" ao diálogo co resto de forzas e fixar prioridades.

A "dimensión" da crise sanitaria require "a achega de todos". Por iso, subliñou que a "predisposición ao pacto é evidente". Iso si, ante a condición  que colocan BNG e PSdeG de que se poña fin aos recortes e privatizacións para poder alcanzar acordos, Puy remitiuse de novo ao resultado das urnas. 

Con todo, amosouse disposto a tratar as peticións do BNG e PSdeG para abordar a reconstrución da Galiza. "Estamos abertos a debater que mecanismo pode ser máis conveniente", apuntou Puy, sinalando que o debate de investidura "pode servir para iso".

Segundo relatou Puy, unha das primeiras cuestións que defenderán no Parlamento os populares será a demanda de cambios lexislativos que permitan xestionar a pandemia sen recorrer á declaración de estado de alarma, que a Xunta adapte a programación do Xacobeo 2021 e que o Goberno español cumpra coa súa parte no financiamento en materia de dependencia.

Comentarios