Olalla Rodil descarta acordos co PP se segue coas súas "receitas"

O BNG votará contra a investidura de Alberto Núñez Feixoo.  
A viceportavoz parlamentar do Bloque, Olalla Rodil (Imaxe de arquivo).
photo_camera A viceportavoz parlamentar do Bloque, Olalla Rodil (Imaxe de arquivo).

O nacionalismo votará 'non' no Parlamento galego á elección de Alberto Núñez Feixoo como presidente da Xunta no pleno de investidura que comeza hoxe e que finalizará pasado mañá. 

Non obstante, a viceportavoz parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Olalla Rodil, garantiu a "man tendida" para chegar a acordos que favorezan os intereses da Galiza. Algo para o que, subliñou, será "imprescindíbel" que o Partido Popular (PP) mude as súas políticas e non recorra ás súas "receitas de sempre".

"A pregunta que hai que facer é: acordos si pero, para que, con que obxectivos e con que dirección?", apuntou a deputada, ao tempo que rexeitou continuar "coas mesmas políticas" da última década de Núñez Feixoo e reivindicou a necesidade de adoptar "novas ideas" e decisións que sitúen "a vida, a protección da saúde e o coidado das persoas no centro".

A pandemia, coas súas consecuencias desde o punto de vista económico e social, "ten que ser un punto de inflexión para o cambio de rumbo neste país", afirmou nese sentido Rodil.

As pezas angulares da XI lexislatura pasan para a nacionalista pola necesidade de impulsar un novo modelo económico, máis autogoberno e "blindar os servizos públicos".

Eis as tres chaves "do cambio" para o BNG, que pon o foco na sanidade, nos servizos sociais e na educación. De feito, dentro da defensa polos servizos públicos, Rodil trasladou o apoio do BNG ás centrais sindicais que anunciaron dúas xornadas de folga no ensino para o 10 e o 16 de setembro.

"A Xunta debe "asumir as súas responsabilidades e deixar de botar balóns fóra", sinalou a deputada. "Tivo seis meses para preparar a volta ás aulas e é unha irresponsabilidade que aínda non haxa un protocolo claro nin recursos suficientes para un curso que será excepcional", aseverou.

Mesa por Galiza

Preguntada pola proposta de comisión para selar un pacto sobre reconstrución que formalizou o PSdeG, Rodil lembrou que o BNG reivindica desde hai semanas precisamente unha mesa pola reconstrución económica e social da Galiza. "Ese é o camiño polo que cremos que hai que ir", sentenciou, para engadir que nesa mesa, ademais de representantes políticos, tamén deberían estar axentes sociais e persoa experto, por exemplo, de universidades e da ciencia.

Comentarios