Caballero pide unha comisión onde alcanzar un pacto de reconstrución

O PSdeG critica a xestión da Xunta sobre o ensino e as residencias e pide unha comisión parlamentar para a reconstrución.
Gonzalo Caballero e Pablo Arangüena, en rolda de prensa (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Gonzalo Caballero e Pablo Arangüena, en rolda de prensa (Imaxe: Europa Press)

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, avogou esta segunda feira, 31 de agosto, por crear unha comisión no Parlamento galego onde as forzas políticas  poidan dialogar e articular "un gran pacto" para a reconstrución sanitaria, económica e social na Galiza ante a crise que está a provocar a pandemia. 

Desta forma Caballero quixo tender a man ao Partido Popular (PP) para a nova lexislatura, sempre e cando os de Alberto Núñez Feixoo "rectifiquen as súas políticas, sobre todo no ámbito dos servizos públicos", advertiu. O presidente da Xunta ten que mudar "as políticas que levou a cabo nos seus últimos mandatos e os recortes en servizos públicos como sanidade, educación ou no ámbito social das residencias de maiores", citou Gonzalo Caballero.

Acompañado do viceportavoz parlamentar socialista, Pablo Arangüena, o líder do PSdeG recoñeceu que a súa formación está "profundamente preocupada" pola postura da Xunta da Galiza e a súa xestión ante o incremento dos surtos de coronavirus, o aumento do número de contaxios e a situación nas residencias de maiores.

Ante iso incidiu na necesidade de alcanzar un acordo de reconstrución, que sería "configurado nunha comisión parlamentar que traballaría estes catro anos para que ningunha galega nin galego quede abandonado", explicou.

Gonzalo Caballero tamén expresou a súa preocupación polo arranque do curso escolar "sen ningún avance significativo". Ao tempo, incidiu en que os concellos do país están a criticar que a Xunta non lles proporcionou "apoio financeiro nin soporte" ante os retos que formula a Covid-19 no ámbito municipal.

Diante dese contexto, Caballero ratificou que combater a crise sanitaria, económica e social debe ser a prioridade para "todas e todos os representantes políticos", e avanzou que así o plasmará no pleno de investidura que inicia hoxe na Cámara coa exposición do programa político de Feixoo. 

Comentarios