Feixoo porfía na retirada da máscara ao aire libre e na redución das corentenas

o Goberno galego seguirá a defender a rebaixa de sete a cinco días dos illamentos das persoas que resultan positivas por coronavirus.
Unha nena leva unha máscara na praia das Salseiras, no municipio da Laracha (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Unha nena leva unha máscara na praia das Salseiras, no municipio da Laracha (Foto: M. Dylan / Europa Press).

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, reiterou que a Galiza manterá a súa postura de eliminar o uso da máscara no exterior, así como reducir as corentenas a cinco días no caso de persoas non vulnerábeis e que non estean en contacto con colectivos sensíbeis.

Con motivo da reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, insistiu en que a Galizaa defende "volver á situación anterior", sen máscaras ao aire libre pero si no interior.

Uso da máscara

"Non é imprescindíbel", sinalou, ao tempo que cualificou de "exceso" que se manteña o seu uso, como obriga o Goberno do Estado en espazos públicos. No entanto, avogou por usala, aínda que se estea no exterior, cando se interactúe con outras persoas.

Ao fío desta cuestión, e sobre a forma do Goberno de sacar adiante o decreto do uso de máscaras en exteriores, coas pensións, cualificouna de "filigrana parlamentaria inaudita" e de "espuria" desde o punto de vista parlamentario. Tamén reprochou ao Goberno unha "cogobernanza pantasma" por non reunirse antes cos territorios.

Corentenas

Sobre a posíbel redución das corentenas de sete a cinco días, volveu defender esta proposta para persoas "con tres doses que se reinfectan pero non teñen ocupación laboral con persoas vulnerábeis nin son vulnerábeis".

Na mesma liña, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou que a Galiza seguirá mantendo a proposta de "revisar a duración das baixas e dos períodos de illamento" de positivos, co fin de reducilas a cinco días.

"Seguimos crendo que temos que revisar ese período. É certo que pondo as medidas que se consideren oportunas, xa sexa unha proba para volver incorporarse ou as medidas que estimen os especialistas, pero cremos que é o momento revisar esta duración", destacou esta cuarta feira.

Ademais, amosouse partidario de  relaxar o uso da máscara en espazos abertos, algo que foi "oportuno" nun "contexto de crecemento exponencial" do virus. "Vendo a situación agora mesmo, parece que nos ámbitos exteriores ese uso debería relaxarse, efectivamente", destacou.

García Comesaña incidiu na tendencia á baixa dos casos activos na Galiza, malia que aínda existe un incremento de pacientes hospitalizados, polo que instou a seguir sendo "prudentes". En particular, fixo un chamamento á vacinación.

Comentarios