O Goberno establece a obrigatoriedade do uso de máscara en espazos públicos

O Congreso validou a moción con 162 votos a favor, 153 en contra e 28 abstencións
Pedro Sánchez, no Congreso, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).
photo_camera Pedro Sánchez, no Congreso, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).

O Congreso votou na terza feira a favor do Real Decreto Lei que recolle a obrigatoriedade do uso de máscaras para as persoas maiores de seis anos que se atopen en calquera espazo de uso público ou que se atope aberto ao público, pechado ou ao aire libre, así como nos medios de transporte público.

Entre as excepcións que recolle o texto legal, enumérase a práctica de deporte individual ou de actividades no exterior, sempre e cando se manteña unha distancia mínima de 1,5 metros con outras persoas non conviventes. Tampouco a terán que empregar as persoas con enfermidades ou dificultades respiratorias que poidan ver agravadas as súas doenzas polo uso da máscara.

O Proxecto de Lei contén outras disposicións, relacionadas coa capacitación de profesionais da medicina e da enfermaría xa xubilados para poder compatibilizar durante todo 2022 contratos en centros sanitarios públicos e privados como consecuencia da pandemia e o cobro das súas pensións.

O Goberno de coalición consegue así sacar adiante esta iniciativa despois da polémica xurdida polo feito de que o Executivo incluise na votación a revalorización das pensións non contributivas co IPC de 2021. Precisamente, isto motivou que formacións como ERC, PDeCAt e Bildu, entre outras, optaron pola abstención.

Críticas ao Goberno

O deputado Iñaki Ruiz de Pinedo, de Bildu, acusou PSOE e Unidas Podemos de "chantaxear" os partidos que integran o Congreso. Ruiz de Pinedo asegurou que é a "última vez" que ceden ante ese chantaxe, e manifestou que "andar sen rumbo é o que crea a fatiga pandémica". 

Na mesma liña se manifestou o deputado de ERC Xavier Eritj, que cualificou de manobra de "filibusterismo" a estratexia empregada polo Executivo español para conseguir sacar adiante esta moción.

Outras formacións políticas, como o BNG, PNV e Máis País, optaron por votar a favor da medida, mais recalcando no feito de que este voto está condicionado polos demais asuntos que o Goberno decidiu incluír na votación que pola propia "idoneidade" da medida.

"Emenda á totalidade" do PP

Pola súa parte, PP, Vox, Ciudadanos, UPN e Foro Asturias votaron en contra da moción, non sen antes confrontar de xeito directo coa ministra de Sanidade, Carolina Darias, e o conxunto do Goberno de coalición.

A deputada do Partido Popular, Ana Pastor, cuestionou que o Executivo non aprobara,"após dous anos", unha normativa para facer fronte á pandemia. A ex ministra de Sanidade fixo unha "emenda a totalidade" á xestión do Partido Socialista.

A representante de Vox Mercedes Jara Moreno, afirmou que "non hai ningún ningún estudo científico que demostrara os beneficios do uso de máscara en exteriores". A deputada de extrema dereita tildou de "cobardes" aos membros do Goberno e acusounos de "facer chantaxe no Congreso".

Comentarios