Feixoo confirma no Parlamento que dimitirá esta semana: "Esta non foi a miña última sesión, senón a derradeira"

A 'era Feixoo' chega á súa fin tras catro maiorías absolutas. "Seguirei servindo aos galegos", asegurou o aínda presidente da Xunta cando ratificou a súa despedida.
Alberto Núñez Feixoo recibe os aplausos da bancada popular no Parlamento da Galiza, na sesión desta cuarta feira. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo recibe os aplausos da bancada popular no Parlamento da Galiza, na sesión desta cuarta feira. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, confirmou esta cuarta feira no Parlamento galego que dimitirá esta semana como máximo mandatario galego. Se ben evitou concretar unha data, previsibelmente será na sexta feira. A súa saída activará o proceso da súa substitución no ámbito institucional, que finalizará coa investidura e toma de posesión do seu sucesor, o actual vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda.

"Esta non será a miña última sesión de control, será a derradeira", apuntou, na súa quenda de réplica á portavoz do BNG, Ana Pontón, quen lle desexou sorte "no persoal"; non así "no político".

Feixoo, que renunciará ao seu cargo nos prazos que xa avanzara e un mes despois de tomar as rendas do PP estatal no congreso extraordinario de Sevilla, comprometeuse a "seguir servindo aos galegos" en calquera que for o seu destino.

Previamente, por obriga dos estatutos do partido, tivo que dimitir como líder do PPdeG. Precisamente, para acometer a súa substitución no partido, o PPdeG celebrará o 18º Congreso extraordinario os días 21 e 22 de maio en Pontevedra.

Logo de solicitar o apoio interno dos representantes das outras tres provincias e dos principais líderes do partido, Rueda xa confirmou que optará a dirixir a formación, nunha campaña continuísta do legado de Feixoo que presentou esta terza feira baixo o lema 'Galiza, o Camiño a seguir', nunha clara alusión ao Xacobeo 21-22 e o propio Camiño de Santiago.

Fin da 'era Feixoo' tras catro maiorías absolutas

Mais antes diso culminarase a substitución institucional que porá fin á 'era Feixoo' trece anos despois da súa primeira toma de posesión, no ano 2009. Feixoo gañou por primeira vez as eleccións galegas o 1 de marzo daquel ano, cunha maioría absoluta axustada que lle permitiu tomar o poder tras os catro anos do Goberno bipartito de BNG e PSdeG.

O aínda presidente da Xunta revalidou e ampliou as súas maiorías absolutas nos tres comicios seguintes: en 2012, 2016 e 2020, estas últimas eleccións nun contexto marcado pola pandemia.

Por mor da crise interna no PP que involucrou a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, e puxo punto e final á etapa de Pablo Casado á fronte do PP, Feixoo decidiu dar o salto a Madrid e concluír o seu mandato na Galiza, onde seguirá en funcións, xunto cos seus conselleiros, até que Rueda sexa investido como novo presidente galego.

Comentarios