A etapa Feixoo, en imaxes (II): O particular código ético de Núñez Feixoo

O 31 de marzo de 2013 vían a luz pública unhas fotografías que revolveron a política galega. As imaxes amosaban a Alberto Núñez Feixoo partillando vacacións co narcotraficante Marcial Dorado. As instantáneas tomáranse cando este último xa fora procesado no marco da chamada 'Operación Nécora'.

feijoo-en-el-barco-con-marcial-dorado
photo_camera Núñez Feixoo e Marcial Dorado en iate pola ría de Vigo no verán de 1995. (Foto: El País)

A 'Operación Nécora' foi a primeira gran causa contra o contrabando e o narcotráfico na Galiza. O procedemento, promovido polo maxistrado Baltasar Garzón e o fiscal Javier Zaragoza arrancou o 12 de xuño de 1990 con 350 axentes do Servizo Central de Estupefacientes traslados á Galiza e a detención de máis dun cento de persoas relacionadas co negocio da droga na comarca do Salnés. O 6 de setembro dese mesmo ano Zaragoza formulou cargos contra 49 das persoas en prisión, entre eles Manuel Charlín Gama, Sito Miñanco, Laureano Oubiña e Marcial Dorado.

O nome de Marcial Dorado xa era coñecido nos ambientes policiais e xudiciais. Sete anos antes, en 1983, no marco do operativo contra o contrabando promovido polo xuíz de Cambados José Luís Seoane, Dorado resultou detido. Ao tempo, fixo parte do grupo de narcotraficantes galegos agochados en Viana do Castelo, que en xuño de 1984 mantiveron no Hotel A Boega un encontro co entón presidente da Xunta da Galiza e dirixente de Alianza Popular, Gerardo Fernández Albor, co obxectivo de que intercedese por eles diante da xustiza.

'Operación Nécora'

O 31 de marzo de 2013, practicamente 13 anos despois da 'Operación Nécora', Marcial Dorado, naquela altura encarcerado por tráfico de cocaína, apareceu na portada do xornal El País desfrutando dunha xornada de vacacións con Alberto Núñez Feixoo. As fotos foran tomadas entre 1995 e 1998, cando o actual presidente da Xunta da Galiza pasou varias temporadas no piso do narcotraficante en Baiona e partillou viaxes de pracer a diversos puntos do Estado, de Andorra e de Portugal.

A primeira declaración de Feixoo diante das imaxes aparecidas no diario español foi negar que no momento de ser tomadas coñécese os negocios ilícitos aos que se dedicaba Dorado. Sobre esta idea, sustentou a súa defensa até hoxe, chegando a afirmar a El País que “coñecía esa persoa, non coñecía a súa actividade relacionada co narcotráfico e cando tiven algunha sospeita, en 1998 e 199, non volvín ter ningún tipo de relación con el”. As outras explicacións do presidente galego xeraron aínda máis dúbidas sobre a relación con Dorado, unha vez que se confirmou que as empresas do narcotraficante contrataran coa Consellaría de Sanidade cando Feixoo era o seu número dous. Precisamente, o seu chofer daquela época, un coñecido militante do PP de Ferrol con pasado na extrema dereita, Manuel Cruz, foi quen lle presentou a Dorado. Cruz, un home que ao igual que Feixoo proviña do círculo de Romay Beccaría, actuou de administrador de diversas sociedades de Dorado e morreu en estrañas circunstancias.

Dereita e contrabando

As fotos de Núñez Feixoo e Dorado serviron para volver pór en primeiro plano as conexións entre a dereita na Galiza e o narcotráfico. Sen ir máis lonxe, Laureano Oubiña, un dos históricos do contrabando no país, sinalaba hai uns anos que tiña participado no financiamento da Unión de Centro Democrático (UCD), na etapa de Adolfo Suárez, e de Alianza Popular (AP) na época de Manuel Fraga. Un mando policial destinado na comisaría de Vilagarcía na década dos oitenta sinalou en 2020 a Nós Diario que “as achegas económicas dos narcotraficantes ás forzas políticas respondían á súa vontade de influír nos Gobernos, algo normal nunha parte do empresariado e tamén a busca de protección”.

Un dos casos máis paradigmáticos desta relación entre narcotráfico e poder político foi a referida xuntanza decorrida no verán de 1984, nas proximidades de Viana do Castelo, entre o presidente da Xunta Gerardo Fernández Albor e un grupo de contrabandistas fuxidos da xustiza e refuxiados en Portugal, entre os que se atopaba Marcial Dorado. Ao tempo, significados dirixentes da dereita, como Vicente Otero, José Ramón Barral, Pablo Vioque, Alfredo Bea Gondar ou Luís Jueguen Vilas destacaron no mundo do contrabando e mesmo do narcotráfico.

Vicente Otero, 'Terito'; José Ramón Barral, 'Nené'; ou Pablo Vioque son tres bos exemplos disto. O primeiro, iniciado no contrabando nos tempos do estraperlo, na década dos corenta, auténtico poder real de AP en Cambados, insignia de ouro e diamantes do partido, amigo persoal de Manuel Fraga, en febreiro de 2019 aínda aparecía como un dos propietarios da sé local do PP en Cambados. O segundo, alcalde do concello de Ribadumia desde 1983 até 2001, dimitiu do seu cargo após ser detido nunha operación contra o contrabando do tabaco, atopándose actualmente inmerso nun longo procedemento xudicial.

Comentarios