Alfonso Rueda presenta unha candidatura continuísta do discurso de Feixoo

'Galiza, o Camiño a seguir' é o lema elixido polo aínda vicepresidente primeiro do Goberno galego, unha clara chiscadela ao Xacobeo 21-22.
Alfonso Rueda, esta terza feira, presentando a súa candidatura. (Foto: PP)
photo_camera Alfonso Rueda, esta terza feira, presentando a súa candidatura. (Foto: PP)

'Galiza, o Camiño a seguir' é o lema elixido polo aínda vicepresidente primeiro da Xunta e líder do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, para a campaña interna que, a partir da sexta feira, o levará por distintos puntos do país para iniciar un percorrido que pretende que desemboque no seu máximo reto electoral: revalidar a Presidencia da Xunta en 2024.

A través dun comunicado e ás portas de formalizar a súa candidatura, Rueda destacou que o eslógan elixido para o "camiño" que finalizará no congreso do 21 e 22 de maio —onde, salvo sorpresa, será elixido líder do PPdeG— é "claro, concreto e cheo de intencións", nunha clara chiscadela ao Xacobeo 21-22. Nel, defendeu, resúmese "unha idea xeral que ás veces non se valora o suficiente: a normalidade extraordinaria que temos na nosa terra, e que queremos que sexa o Camiño a seguir".

"Somos unha referencia para toda España e temos que seguir séndoo, porque o que aquí é normalidade, fóra da Galiza é extraordinario, e iso é mérito de todas as galegas e galegos", proclamou, antes de comprometerse a "defender a normalidade extraordinaria da Galiza sempre e ante calquera". Aliás, subliñou que o PPdeG "é un partido comprometido co seu futuro, pero sobre todo comprometido coas necesidades da Galiza, que son as que sempre guían" os seus membros, asegurou.

Rueda puxo en valor a "estabilidade", "cun partido no goberno que se preocupa por gobernar e dedica o seu tempo a atender os asuntos da cidadanía e non ás pelexas internas ou entre socios de goberno". Tamén salientou a "unidade", "cun partido no goberno que está a protagonizar unha sucesión exemplar, de unidade e responsabilidade entre todos".

En terceiro lugar, reivindicou a "xestión", "cun partido no goberno que leva 13 anos consecutivos aprobando os seus orzamentos todos os anos en tempo e forma e cunha eficacia na súa execución de 95%".

"Este partido faise coa forza de todos. Xuntos estamos e xuntos faremos unha transición tranquila e exemplar, porque temos claro que o importante é a Galiza. Xuntos faremos un proxecto gañador que siga achegando respostas a cada necesidade da cidadanía; e xuntos faremos unha Galiza mellor e, cando toque, volveremos pedir a confianza dos galegos", esgrimiu.

No que atinxe aos prazos do congreso, esta quinta feira é o último día para que o precandidato entregue os avais, e unha vez que a Comisión Organizadora do Congreso o proclame candidato, comezará a campaña electoral interna, desde o 30 de abril e até o 9 de maio, na que Alfonso Rueda percorrerá o país para presentar o seu proxecto aos afiliados populares. "Voume a pór á súa disposición para que este partido siga a ser merecedor da confianza dos galegos, vivan onde vivan e vivan como vivan".

Comentarios