Feixoo comeza a recuar no dossier autonomista e a pór o foco nos orzamentos

A prioridade agora para Feixoo son os orzamentos e o mal trato que recibe o país. A táctica, cargar a responsabilidade no PSdeG e furar nas contradicións entre En Marea e Podemos.

[Imaxe: SG] Feixoo no Parlamento
photo_camera Feixoo toma a palabra desde o seu escano

"Se de verdade queren reforzar o autogoberno de Galiza, o primeiro que teñen que facer é atender as nosas demandas", dixo Feixoo esta segunda feira perante a ofensiva dunha oposición que lle toma a palabra en relación ao incremento do teito competencial do autogoberno galego.

Feixoo está entalado entre Vox, que defende a devolución de competencias do estado, e unha oposición que demanda máis poder político para Galiza. Nun debate promovido polo Bloque, o titular da Xunta abalou cara ao autonomismo. Agora corrixe lixeiramente o tiro ante o pleno da próxima semana, marcado pola petición de novas transferencias que os distintos portavoces opositores levarán ao pleno.

O manual de defensa de Feixoo prescribe sempre o contra-ataque e o líder do PPdeG pon agora o foco nos orzamentos, o punto máis débil para o PSdeG, dado o descenso de investimentos no noso país previsto polas contas de Pedro Sánchez. Os presupostos tamén son problemáticos para a confluencia, pois que se ben é certo que foron criticados por En Marea (tanto polo villarismo como polos sectores críticos) na realidade son produto dun pacto entre o PSOE e Podemos.

En todo caso, Feixoo non poderá escapar ao debate. En Marea, PSdeG e En Marea levarán a discusión o autogoberno ao pleno parlamentar da próxima semana, unha variábel coa que ninguén podía contar hai apenas unhas semanas e que ten a ver cos movimentos do titular da Xunta para marcar distancias coa ultradereita española.

Comentarios