Antón Gómez Reino, secretario xeral de Podemos na Galiza

Antón Gómez Reino: "Feixoo baseou o seu poder no apoio mediático"

Podemos prepárase para o importante ciclo electoral do ano 2023, onde deberá enfrontar as eleccións locais e as estatais. O secretario xeral da formación na Galiza e deputado no Congreso pola Coruña, Antón Gómez Reino, analiza para Nós Diario os retos que ten por diante o partido morado.

 

O secretario xeral de Podemos na Galiza, Antón Gómez Reino. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O secretario xeral de Podemos na Galiza, Antón Gómez Reino. (Foto: Nós Diario)

—A pasada semana rexistraba unha iniciativa para que o Tribunal de Contas investigara os contratos concedidos polo Goberno en funcións de Núñez Feixoo a diversos medios de comunicación, que pretende coa mesma?

Se digo que o Partido Popular e particularmente, o PP da Galiza e o señor Feixoo, basearon o seu poder e a súa hexemonía nun disciplinado e case militante apoio mediático creo que ninguén se sorprende.

En realidade, teríamos que aclarar que é a xente estritamente politizada da esquerda a que é consciente disto. Por tanto, o obxectivo fundamental desta iniciativa é desvelar con datos e cifras até que punto o señor Feixoo empregou os recursos públicos para modificar a opinión pública, blindar a súa carreira política na Galiza e agora o seu desembarco en Madrid.

—A renuncia de Feixoo a presidir a Xunta colocou á fronte do Goberno galego o seu vicepresidente, Alfonso Rueda, que agarda do novo mandatario galego?

Creo que o único que podemos esperar do señor Rueda son recortes en sanidade, en educación, en dependencia, manipulación da TVG e, sobre todo, subvencións a medios de comunicación con recursos públicos para maquillar o anódino perfil dun político gris. Que imos esperar senón do PP da Galiza? Non espero nada bo do señor Rueda. O que si espero do conxunto das esquerdas é que entendamos que é o momento de traballar cooperativamente para construír unha alternativa de esquerdas. Que sexamos capaces de acordar e trasladar á sociedade outro proxecto de país. Plural, como plurais que somos as xentes de esquerda na Galiza e sen partidismos. Que cada persoa progresista da Galiza saiba que podemos sumar cun horizonte de país.

—2023 está chamado a ser ano electoral, con comicios locais e e estatais. Como analiza o proxecto que impulsa Yolanda Díaz para esas eleccións e con que apoios conta na Galiza?

Entramos sen dúbida nun ciclo electoral complexo e transcendental. A xente exixe da política rigor, certezas, eficacia e horizontes. Penso que o labor de Yolanda Díaz e do equipo de galegas e galegos que lideran a Vicepresidencia do Goberno e o Ministerio de Traballo ten trasladado exactamente iso: capacidade de soster, no momento máis difícil, a economía das empresas e das familias.

Levo anos xa traballando ao carón de Yolanda. Sei da expectación e esperanza que levanta nas xentes da esquerda.  E estou certo de que a mensaxe que manda, de cooperación entre diferentes, de suma de capacidades e persoas da sociedade civil e de organizacións é o que pide hoxe a maioría da xente progresista.

Desde logo, desde Podemos Galiza temos clara a tarefa para estar ao servizo de traballar para frear a reacción da dereita, construír un horizonte de país e, porque non, facer Yolanda Diaz a próxima presidenta do Goberno. Que galega ou galego progresista non estaría orgulloso diso?

—Leva desde 2015 no Congreso dos Deputados, os seus plans políticos de futuro pasan por continuar na Cámara Baixa ou, pola contra, retornar ao país?

Estou a disposición da tarefa en que mellor poda axudar. Creo que temos conseguido algo inédito, unha candidatura galega. Galiza en Común-Unidas Podemos ten conseguido sentar no Consello de Ministros unha galega que levaba anos traballando, no social e no político, pola transformación e a defensa dos intereses da Galiza.

Os retos de Gómez Reino

Os comicios de 2023 mandan na axenda política de Podemos. A este respecto, a pasada fin de semana a formación morada organizou un encontro na Mourisca, en Lalín, como “golpe de saída para a preparación das municipais”. Nesta liña, Gómez Reino afirma que “estamos no proceso de reforzar as nosas estruturas municipais e sinalar as nosas persoas referentes en cada vila e cidade para concorrer ás municipais de 2023” e aposta “por sumar actores políticos da sociedade civil para construír candidaturas que garantan que o noso espazo político estea  de novo sentado nas  Xuntas de Goberno dos concellos da Galiza”. Ao tempo, traballa para que o seu partido “estea perfectamente preparado para axudar a garantir que na Galiza o ciclo electoral teña cor progresista, ecoloxista  e feminista”.

Comentarios