Antón Gómez Reino: "O noso compromiso con Alcoa está claro e mantense"

O Goberno estatal achégase ao ecuador do mandato e vén de ter a validación da Cámara Baixa aos orzamentos de 2022. Antón Gómez Reino (A Coruña, 1980), deputado de Unidas Podemos no Congreso, valora as contas do Estado e marca os retos dos dous vindeiros anos. 
O secretario xeral de Podemos na Galiza, Antón Gómez Reino. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O secretario xeral de Podemos na Galiza, Antón Gómez Reino. (Foto: Nós Diario)

Como valora os Orzamentos do Estado de 2022 para a Galiza e por que non presentaron emendas desde o seu grupo?

Valoramos os orzamentos como os máis xustos para a Galiza dos últimos anos. Son uns orzamentos vinculados á recuperación e o investimento na Galiza sobe de forma notábel. Somos a quinta comunidade con máis investimento, por riba dos 1.074 millóns de euros.

Despois, temos partidas no ámbito social claramente vinculadas a problemáticas estruturais e económicas da Galiza, como pode ser o compromiso cos pensionistas. Nun país cun elevado número de pensionistas isto afecta directamente a numerosas familias galegas.

Tamén hai subas de partidas en materia de mocidade, dependencia... Todas elas implican moito o país. 

A respecto de presentar ou non presentar emendas, cando se presentan orzamentos sobreenténdese que son do conxunto do Goberno.

Hai moitas materias que historicamente eran da Galiza, como a rexeneración da ría do Burgo, a conexión ferroviaria a Punta Langosteira e outras que están agora satisfeitas pero que, sen dúbida, hai que seguir traballando para que estas e outras moitas se consoliden nos próximos dous anos de lexislatura.

Preguntáballe por que non presentaron emendas aos orzamentos porque a outras leis, como a de Memoria, si que presentan. Non viron opción a introducir unha emenda con partidas para intervir Alcoa sabendo ademais que se traduciría no voto do BNG a prol das contas?

O noso compromiso con Alcoa en Cervo e coa planta de Alu Ibérica na Coruña está claro e mantense. Máis alá diso, calquera sabe que desgraciadamente un grupo parlamentario mantívose á marxe dos acordos nos anteriores Orzamentos Xerais do Estado e que está á marxe do bloque que sustenta o Goberno, onde si están ERC e Bildu, e que sistematicamente non apoia as medidas do Goberno e que ademais di explicitamente que non vai apoiar os orzamentos. É evidente que a resposta, non só por parte dos grupos do Goberno senón dos outros grupos progresistas que apoian o Goberno, é non apoiar esas emendas.

Hai que seguir traballando, seguir presionando tanto a Xunta como fundamentalmente o Ministerio de Industria para buscar unha solución definitiva a Alcoa. Dunha forma ou outra hai que garantir os postos de traballo e o funcionamento da fábrica de aluminio primario na Mariña. 

O Goberno de coalición está ás portas de facer dous anos. Como valora este tempo?

Fago unha valoración moi positiva, nun dos momentos máis difíciles da historia deste país desde a chegada da democracia, cunha situación absolutamente inédita como foi a pandemia. Este Goberno, tamén inédito, de coalición no Estado español, tivo que enfrontar un contexto en primeiro lugar sanitario e despois económico e social moi adverso. 

O Goberno non só se soubo acompasar á ruptura coa austeridade e recortes que se fixeron na crise de 2008, senón que foi á vangarda. Ferramentas como os ERTE foron fundamentais para que a economía familiar e das pemes non caese. Tamén é significativo no ámbito político a capacidade para chegar a acordos e construír un bloque de dirección de Estado moi plural, máis alá do espazo de Unidas Podemos e PSOE, un bloque que se consolida cos orzamentos do Estado e no que está incluído de maneira sólida tanto ERC, Bildu, Compromís como o PNV. 

Agora, preocúpanos sacar adiante a reforma laboral, volver facer unha suba do SMI, e despois, nos dous anos que quedan, acabar de despregar as medidas sociais que veñen no acordo de coalición, e garantir que os fondos europeos de recuperación se acheguen á economía real e non simplemente á economía vinculada ás grandes empresas do IBEX.

Retos para a segunda metade da lexislatura

"Haberá derrogación nos próximos meses", sostén Gómez Reino preguntado pola reforma laboral do PP. Esa reforma, di, "é un conxunto de medas que hai que afrontar lexislativamente de forma complexa, pero sen dubida afrontaremos os dous anos que quedan de lexislatura coa reforma laboral do PP derrogada e sobre todo cun cambio de 180 graos no ámbito do mercado laboral e das relacións laborais".

Cuestionado por se haberá adianto electoral, sinala que "o único que ten esa reposta" é Pedro Sánchez. "Hai importantes retos sociais e económicos por diante, creo que agora a sociedade o que busca son horizontes e certezas, non momentos de incertezas, e temos a capacidade de despregar moitas medidas que están no acordo de coalición e que aínda non puidemos levar adiante", di. 

Comentarios