Galicia en Común preséntase como a opción da "maioría social polo cambio" no 5-A

O candidato á Xunta pola coalición de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, segurou que "o Goberno progresista no Estado dá un exemplo do tipo de medidas fundamentais que temos nun futuro Executivo de cambio no país".
Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Eva Solla na presentación da coalición Galicia en Común para as eleccións do 5-A (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Eva Solla na presentación da coalición Galicia en Común para as eleccións do 5-A (Imaxe: Europa Press)

“Esta coalición atende a unha demanda cidadá que esixía continuar co relato de construción de 2012, no que a diversidade é valorada socialmente”, arrancou esta mañá Martiño Noriega nun bar de Compostela ante a prensa, “e tamén a valentía para mover os marcos das políticas públicas”.

Noriega foi o primeiro en falar na presentación da candidatura de confluencia conformada por Galicia en Común, Anova e as mareas municipalistas. No acto estiveron presentes o candidato á presidencia da Galiza e secretario de Podemos no país, Antón Gómez-Reino, xunto con Eva Solla, líder de Esquerda Unida, e mais o propio Noriega. O concelleiro de Compostela Aberta definiu a confluencia como un “espazo aberto e plural”.

“Hoxe é un día importante para facer eco do traballo realizado a prol da sanidade pública nas últimas dúas lexislaturas, como o grupo con máis iniciativas neste ámbito”, continuou Solla, quen tamén valorou a defensa dos sectores produtivos do país “que centrou unha parte importante” das actuacións do grupo parlamentario, e as encamiñadas a acadar unha maior “igualdade” na sociedade. Por iso o programa electoral de cara ao 5-A, asegurou Solla, “beberá de todo o traballo realizado”.

No noso país existe unha vontade social de cambio clarísima, remarcou Gómez-Reino

“Esta mesa é unha boa nova”, seguiu Gómez-Reino, quen ligou á formación da coalición a “unha das peores novas para Núñez Feixoo nos últimos tempos”. “No noso país existe unha vontade social de cambio clarísima”, remarcou, “penso que se veu nos dous últimos procesos de eleccións xerais”.

Gómez-Reino situou a aposta de Galicia en Común como a vía para que esa “maioría social polo cambio se active no proceso electoral”. O candidato á Xunta recoñeceu o exemplo dado polas traballadoras sanitarias ou pola veciñanza de Verín. Ademais, fixo referencia o labor do seu partido no ámbito estatal. “É evidente que o Goberno progresista no Estado dá un exemplo do tipo de medidas fundamentais que temos que facer nun futuro Executivo de cambio no país”, dixo Gómez-Reino, facendo fincapé na modificación da normativa laboral aprobada polo Ministerio de Traballo dirixido por Yolanda Díaz.

As representantes de Galicia en Común fiaron o aprazamento da cita electoral á decisión das autoridades sanitarias. “O fundamental non é disputa electoral, senón garantir a saúde do conxunto da cidadanía galega”, apunto Gómez Reino, remarcando que a candidatura que encabeza está “en contacto permanente” co Goberno do Estado.

Comentarios