SESIóN DE CONTROL AO PRESIDENTE

Feijóo gábase de “contundencia” contra a corrupción mais sen explicar as súas "amizades perigosas"

Os requerimentos do portavoz nacionalista Francisco Jorquera para que se pronunciase sobre as imputacións do 'conseguidor' Pachi Lucas e do presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, así como da condena a Marcial Dorado ("as amizades perigosas") ficaron sen resposta polo presidente

Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda no Parlamento de Galiza.

Núñez Feijóo saca peito e presume do compromiso e actuación do seu goberno contra a corrupción. “Somos o goberno máis contundente contra a corrupción”, afirmou o presidente galego en sede parlamentar durante a sesión de control, após enumerar leis como a de transparencia e de financiamento de partidos como exemplos, dixo, dese compromiso.

Feijóo respondía deste xeito aos requerimentos do portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, para se pronunciar perante “a lista interminábel de escándalos que salpica o PP”. O nacionalista lembrou que “no que vai de ano” o Supremo confirmou a condena a Marcial Dorado, o 'conseguidor' Pachi Lucas foi imputado, e tamén o está o presidente da Deputación ourensá. “E vostede non dá explicacións”, reprochoulle Jorquera, que acusou tamén o presidente de “mirar para outro lado ante indicios de que o PPdeG foi unha peza no financiamento ilegal do PP”.

O portavoz nacionalista tirou no pleno unha foto do presidente ("xa ten vostede varias fotos comprometidas"), desta volta abrazándose co presidente de Iberdrola en 2009

Na súa resposta, Feijóo non se pronunciou sobre os nomes que o BNG puxera sobre a mesa. Botou man do argumentario -xa usado noutras ocasións- de que a corrupción é un poblema que afecta “ao conxunto da sociedade”, apontando a que tampouco o BNG estaba libre de sospeita. O mandatario mesmo tivo tempo para alertar sobre as “ideas populistas” que xurdiron coa crise.

Foto "compometidas" do presidente

Feijóo non convenceu a bancada nacionalista. Jorquera respondeu á lista de leis das que presumiu o titular da Xunta como mostra do compromiso de transparencia cun “aproba leis para encubrir a súa inacción” e sacou unha cuestión incómoda para o presidente: o eólico. O portavoz nacionalista tirou no pleno unha foto do presidente ("xa ten vostede varias fotos comprometidas"), desta volta abrazándose co presidente de Iberdrola en 2009, após gañar as eleccións. “Vostede anulou o concurso eólico, como lle pediu o presidente de Iberdrola”, acusouno Jorquera, dardo dialéctico que puxo baixo a luz da última sentenza do TSXG, este mes de febreiro, botando abaixo o concurso eólico do PP. Na súa quenda, Feijóo non se referiu á foto nin ao eólico, o que si fixo cando respondeu a Méndez Romeu (PSdeG), dicindo que “o 84% do concurso segue adiante”. Mais si acusou o BNG de “faltar ao respecto á maioría da sociedade de Pontevedra” pola declaración de 'nin grato' a Rajoy; e de co-gobernar en institucións co PSOE, o que inhabilitaría os nacionalistas para falar “de corrupción”, segundo el.

Chelo Martínez, do grupo Mixto, levou á Càmara o conflito no transporte de residuos de Sogama, cunha nova concesionaria (Copasa) e a subrogación dos 69 traballadores da antiga concesionaria, Transportes Pellejero. Copasa non acepta recoller por escrito o compromiso verbal de contratalos. Martínez inqueriu o presidente sobre a responsabilidade da administración galega neste caso. Feijóo limitouse a dicir que estabamos perante “un conflito sindical, non un conflito laboral”.

AGE non puido realizar preguntas nesta sesión.


 

Comentarios