18-F

Expediente para Pedro Sánchez pola súa visita a Navantia en plena precampaña

O expediente do presidente español súmase ao iniciado para os populares na cuarta feira

Pedro Sánchez, durante a súa visita a Navantia, en Ferrol, o pasado 24 de xaneiro. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez, durante a súa visita a Navantia, en Ferrol, o pasado 24 de xaneiro. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A Xunta Electoral Central ordenou ao organismo arbitral autonómico da Galiza que abra expediente sancionador ao presidente do Goberno español Pedro Sánchez pola visita que realizou ao estaleiro de Navantia en Ferrol en plena precampaña das eleccións galegas do 18 de febreiro.

Esa visita, realizada o pasado 24 de xaneiro, fora denunciada polo PP ao entender que vulneraba a prohibición de realizar actos de propaganda que rexe para os poderes públicos desde que se convocan unhas eleccións até a mesma xornada de votación.

Trátase do mesmo artigo da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (Lorex) polo que xa foron multados o propio Pedro Sánchez ou a súa anterior ministra portavoz, Isabel Rodríguez, entre outros cargos públicos.

Pero a Xunta Electoral da Galiza non chegou a abrir expediente sancionador ao entender que "a salvagarda da transparencia, obxectividade e igualdade que deben presidir as eleccións" xa quedaba "suficientemente garantida" cunha estimación parcial da denuncia do PP e coa "consecuente declaración de que o presidente do Goberno español incorreu na prohibición estabelecida no artigo 50.2 da Lorex, por non respectar o principio de neutralidade política".

Tamén Rueda

Tras o recurso do PP, a XEC entende que non basta con esa declaración oficial de 'culpabilidade' de Sánchez, senón que debe procederse á incoación do expediente ao combinarse neste caso unha serie de factores especiais, destacando que Sánchez xa foi sancionado dúas veces por feitos similares, multas avaladas polo Tribunal Supremo.

"Hai que ter en conta que a persoa denunciada coñece (ou debería coñecer) a relevancia do deber de neutralidade inherente á altísima autoridade que ostenta, neutralidade que debe manter especialmente durante o proceso electoral [lembra a XEC a Sánchez]. O coñecemento desta regra tan elemental debe presumirse nunha magistratura tan relevante como é a de presidente do Goberno español".

Un coñecemento que o PP presupón para Sánchez pero que obvia para o presidente do Goberno galego e candidato popular á reelección, Alfonso Rueda. A XEC abriu un expediente sancionador ao PP por un vídeo publicado nas súas redes sociais, recalcando a reiteración de infracción do artigo 53 da lei electoral por parte dos populares.  

 

Comentarios