VÍDEO

Sánchez anuncia a construción en Ferrol dun buque de aprovisionamento para a Armada que xerará "1.800 empregos"

O encargo suporá un investimento total de 439 millóns de euros.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, saúda ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, á súa chegada ás instalacións do estaleiro de Navantia. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, saúda o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, á súa chegada ás instalacións do estaleiro de Navantia. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, anunciou esta cuarta feira o encargo por parte do Ministerio de Defensa aos estaleiros de Navantia dun novo buque de aprovisionamento de combate para a Armada que suporá un investimento total de 439 millóns de euros. O dirixente español destacou que este buque suporá unha carga de traballo de tres millóns de horas nos estaleiros de Ferrol, así como a creación de 1.800 empregos entre postos directos e indirectos.

Sánchez reuniuse esta cuarta feira nos estaleiros de Ferrol coa dirección de Navantia, cita após a que mantivo un encontro co comité de empresa. Alí foi recibido polo presidente da empresa pública, Ricardo Rodríguez; o delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o portavoz do PSOE local, Ángel Mato, entre outros.

Na que é a súa terceira visita a Navantia Ferrol, que coincide coa precampaña das eleccións galegas, Sánchez referiuse aos estaleiros ferroláns como "símbolo da construción naval española" e enmarcou a súa presenza na aposta do seu Executivo pola industria naval e, singularmente, por estas instalacións. "Hoxe imos redobrar esa aposta cunha gran noticia", dixo, para sinalar que este barco terá como base "outra unidade xa en servizo na Armada", o buque de aprovisionamento de combate Cantabria, o que permitirá "iniciar a construción deste navío coa máxima celeridade, a partir dun modelo xa existente e que é referencia". Todo iso, engadiu, "incorporando os avances tecnolóxicos máis recentes".

"Oportunidade para a comarca"

No seu discurso, Sánchez dixo que se trata dunha "grande oportunidade para toda a comarca de Ferrol", cun "proxecto xerador de riqueza" para o conxunto da Galiza e do Estado español. "Non só en termos de emprego, que tamén, senón porque vai implicar a participación de perto de 300 empresas españolas na construción desta grande unidade e, delas, ao redor de 185 serán de aquí, desta terra, da Galiza", dixo.

O presidente do Goberno enmarcou este anuncio nun "fito máis" no camiño emprendido polo seu gabinete para o sector, cunha "alta implicación na empresa pública naval". Ademais, sostivo que, tras anos de "parón e retroceso polas razóns que fose", o sector "está chamado a ser un auténtico emblema" da industria estatal. Todo iso, indicou, enmarcado na "necesaria aposta" do seu Executivo pola reindustrialización. "E ese é o compromiso que estamos a demostrar, non só coas palabras, senón cos feitos", sostivo para destacar que, nos últimos anos, esta aposta materializouse en investimentos por valor de "140 millóns de euros" nos estaleiros da ría de Ferrol.

"Trátase do maior investimento realizado nun estaleiro do noso país en máis de 100 anos", afirmou, para asegurar que son proxectos "emblemáticos e esperanzadores" polo que representan no presente e no futuro. Así, puxo como exemplo a fábrica dixital de bloques, o Centro de Excelencia de Comercio Dixital, así como a renovación dalgúns dos edificios históricos destes estaleiros.

O obxectivo, a reindustrialización

Nos estaleiros de Navantia, o presidente socialista subliñou que hai que seguir "conxugando", como é o seu "obxectivo" para esta lexislatura, "o verbo reindustrializar". "Reindustrializar Ferrol, reindustrializar Galiza, reindustrializar España, reindustrializar en definitiva o noso país en clave sostíbel e en clave tamén dixital", manifestou Sánchez, convencido de que "eses son os piares sobre os cales se vai construír a competitividade das economías no presente e no futuro".

Para iso, tamén incidiu na necesidade de "implicar o conxunto da sociedade galega" e lograr este fin desde o punto de vista económico e empresarial, pero tamén, como na súa opinión xa fai Navantia, "co mundo académico", ao promover a súa colaboración coas universidades galegas. Ademais, citou a construción das fragatas F-110, que implican un investimento de 4.300 millóns de euros. "Este programa vaise estender, como sabedes, até o ano 2032. É garantía de carga de traballo, de emprego, de investimento para estes estaleiros, máis de 20 millóns de horas de traballo e a creación de máis de 9.000 empregos", sinalou.

"A actividade de Navantia xera o 11% do emprego industrial galego e o 5% do PIB da provincia da Coruña", puxo en valor, para incidir en que o anuncio desta cuarta feira supón "un paso máis" para seguir avanzado na creación de emprego de calidade e na reindustrialización. "Isto é emprego, isto é industria, isto é futuro", sentenciou.

Comentarios