A Xunta Electoral Central exixirá ao CIS que avise das súas enquisas de voto en período electoral, detalle as súas preguntas e avance resultados

A nova instrución, que non estará vixente para as eleccións galegas, será de aplicación a outras enquisadoras públicas autonómicas.

O electorado galego está chamado ás urnas o próximo 18 de febreiro (Foto: Joaquin Corchero / Europa Press).
photo_camera O electorado galego está chamado ás urnas o próximo 18 de febreiro (Foto: Joaquin Corchero / Europa Press).

A Xunta Electoral Central (XEC) exixirá ao Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) e a outras enquisadoras públicas autonómicas que, cando haxa convocadas unhas eleccións, comuniquen con antelación que enquisas con intención de voto van realizar nesas semanas, pero proporcionando detalles e mesmo o cuestionario, e que nas 48 horas seguintes adianten os resultados para remitilos a todos os partidos en liza.

Trátase dunha instrución na que a XEC viña traballando desde o 21 de decembro e que se aprobou esta quinta feira para actualizar a que funciona desde hai 30 anos. Publicarase no BOE para a súa entrada en vigor, aínda que, segundo informaron a Europa Press fontes do organismo arbitral, non se aplicará nas eleccións galegas do 18 de febreiro ao estar o proceso electoral xa en marcha.

A Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (Loreg) regula a realización, uso e difusión de enquisas, incluíndo a prohibición de publicalas nos cinco días previos á xornada de votación, pero desde a instrución que aprobou a XEC en 1993 as cousas cambiaron, sobre todo pola evolución da tecnoloxía, e producíronse situacións non previstas polo lexislativo.

As sondaxes de Tezanos na recta final de campaña

Na última campaña electoral xa houbo unha polémica porque o CIS de José Félix Tezanos comunicou que ía realizar enquisas durante toda a última semana de campaña, cando está prohibido difundir sondaxes electorais, e o PP exixiu coñecer eses estudos. O organismo dependente do Ministerio da Presidencia precisou que non buscaba medir a intención de voto senón estudar cando decide o voto o elector, e non quixo facilitar os resultados até acabar o traballo, xa despois da xornada de votación.

Na súa nova instrución, a XEC estabelece que, cando un organismo público, sexa de ámbito estatal, autonómico ou local, decida realizar unha enquisa que conteña preguntas sobre intención de voto, ten que comunicalo previamente á Xunta Electoral para que esta avise os partidos por se queren recibir información. "Con independencia da denominación que se lle outorgue, os traballos que inclúan no seu cuestionario preguntas sobre intención de voto, valoración de partidos ou valoración de líderes políticos, estarán suxeitos a esta obrigación", recalca.

Esa comunicación á XEC, preferentemente por vía electrónica para aforrar tempo, deberá facerse polo menos 48 horas antes de empezar as entrevistas (o traballo de campo), e o organismo deberá detallar "as características técnicas da enquisa que se pretende realizar" (incluíndo tamaño e a mostra, marxe de erro, técnica a empregar e datas previstas) e até "o borrador de cuestionario exposto no momento da comunicación, sen prexuízo de que posteriormente se envíe o definitivo".

Non vale reter datos

A XEC resérvase a posibilidade de tomar medidas se considera que o estudo implica riscos para o principio de igualdade do proceso electoral, pero en todo caso trasladará aos partidos a comunicación do organismo demoscópico a fin de que estes poidan solicitar os resultados.

Segundo se estabelece, o CIS ou o organismo público correspondente, no prazo máximo de 48 horas desde que dispoña dos resultados, deberá facilitalos aos partidos que se interesaron, comunicándoo nese mesmo momento á Xunta Electoral.

E xa non valerá reter os datos até terminar o estudo, pois a instrución detalla que, cando o resultado final da enquisa non se obtivo antes da finalización da campaña electoral, o organismo público deberá facilitar "un avance de resultados provisionais". Iso si, advertindo da obrigación de confidencialidade sobre os mesmos, así como a prohibición de calquera publicación ou comunicación.

Comentarios