A executiva do PSdeG aproba o calendario das primarias: estas son as datas clave

A xornada de votación terá lugar o domingo 7 de abril e o Congreso Extraordinario decorrerá o día 27 do mesmo mes

20240309_psoe_02
photo_camera Xuntanza da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG decorrida este sábado. (Foto: Arxina)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, presidiu este sábado a Comisión Executiva Nacional Galega que fixou o calendario de primarias para escoller o secretario xeral —unha escolla que terá lugar o 7 de abril— e a data do Congreso Extraordinario, que decorrerá o 27 do mesmo mes.

De acordo co calendario aprobado este sábado, a presentación de precandidaturas ábrese a vindeira segunda feira e prolongarase até o 14 de marzo. A recollida de avais terá lugar entre o 15 e o 22 deste mes, día no que terá lugar a proclamación provisional de candidatos e candidatas que presenten como mínimo o 6% dos perto de 10.000 militantes que teñen dereito a voto neste proceso.

A campaña de información desenvolverase entre a cuarta feira 27 de marzo e o sábado 6 de abril, dando paso á xornada de votación, que será o 7 de abril e, no caso de que ningún dos candidatos ou candidatas sume o 50% dos votos, tería lugar unha segunda volta o 14 do mesmo mes.

Segundo o calendario aprobado este sábado pola Comisión Executiva do PSdeG, o 14 de abril terá lugar a proclamación provisional de resultados, e o Congreso Extraordinario decorrerá finalmente o sábado 27 de abril.

Renovación

Está previsto que o PSdeG leve a cabo unha renovación dos seus órganos tras os resultados das eleccións do pasado 18 de febreiro, nas que a candidatura encabezada por José Ramón Gómez Besteiro logrou nove escanos, o peor resultado histórico da formación socialista na Galiza.

A pesar diso, tanto dirixentes da formación na Galiza como o propio Formoso ou a dirección estatal do PSOE fecharon filas arredor do político lucense, a quen apuntou como a persoa que debe dar "estabilidade" á formación para fortalecer o seu proxecto de cara ao futuro.

Aínda que se dá por feito no partido, polo momento Besteiro non confirmou publicamente que optará ás primarias para asumir as rendas do partido. Con todo, o secretario xeral do PSdeG en Lugo e presidente da Deputación provincial, José Tomé, insistiu en que os socialistas deben "perfilar e definir" un proxecto encabezado por Besteiro "serio, sólido e solvente", ademais de "galeguista e leal co conxunto do PSOE, pero galeguista".

Tomé, que presidiu este sábado a xuntanza do Comité Provincial do PSdeG de Lugo, reivindicou que se atopan nun momento no que "toca mirar cara adiante" e "traballar pico e pa" no Parlamento e no territorio "co equipo e o proxecto de Besteiro para remontar".

 

Comentarios