A Executiva do PSdeG fecha filas con Gómez Besteiro

O secretario xeral, Valentín González Formoso, avanza cambios na dirección da formación.

_psoe_04
photo_camera Valentín González Formoso, no centro, durante a reunión da Executiva do PSdeG. (Foto: Arxina),

O Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG) ten decidido non repetir a xestión dos resultados dos tres últimos procesos electorais, cando a caída en votos veu acompañada dun relevo do seu candidato á Presidencia da Xunta da Galiza e dunha renovación do seu liderado. A Executiva da formación, reunida na cuarta feira, apostou pola continuidade de José Ramón Gómez Besteiro e por traballar na posta en marcha dun novo proxecto de partido.

O secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, recoñeceu, durante a reunión do órgano de dirección executivo da formación desenvolvida na cuarta feira en Compostela, os malos resultados obtidos polo PSdeG nos comicios galegos do pasado domingo pero sinalou que "o futuro da formación na Galiza" pasa por José Ramón Gómez Besteiro.

As causas dos resultados

González Formoso ligou a caída electoral dos socialistas a "múltiples" causas, nun contexto de "polarización política e mediática clara", onde  o BNG e o PP presentaban "candidatos consolidados". Neste sentido, destacou que José Ramón Gómez Besteiro tivo "escaso tempo" para darse a coñecer, con só "un mes e medio" para poder explicar o seu proxecto para a Galiza.

O máximo responsábel do PSdeG avanzou "cambios no ritmo, a mensaxe", así como "cambios orgánicos no partido", pero desde "a tranquilidade". Nesta liña, as fontes socialistas consultadas por Nós Diario consideran "normal coa tradición do partido" que Gómez Besteiro asuma a secretaría xeral, actualmente en mans de González Formoso. Ao tempo, ábrense dubidas sobre o papel a xogar no futuro polo secretario de Organización, José Manuel Laxe Tuñas.

José Ramón Gómez Besteiro continuou recibindo onte apoios para manterse á fronte do PSdeG. Precisamente, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, defendeu, no marco dunha conversa informal con xornalistas que o acompañan na súa visita a Marrocos, o liderado de Gómez Besteiro e reclamou tempo para poder consolidar o seu proxecto.Nesta liña, Sánchez presentou o seu partido como única garantía de cambio na Galiza, manifestando que "ou o lidera o PSOE ou é moi difícil".

O apoio de Sánchez

O mandatario socialista quixo evitar calquera lectura dos resultados en chave estatal. Neste punto, explicou que a caída electoral do PSdeG respondeu á dinámica galega e descartou calquera tipo de cambio na composición do seu Executivo. Na mesma dirección, amosouse convencido de rematar a lexislatura e asegurou que "teño todo o tempo do mundo", situando os vindeiros comicios estatais en 2027.

A alcaldesa coruñesa, Inés Rei, foi outra das dirixentes en tomar posición en favor de Gómez Besteiro. Salientou ao respecto que "non é o resultado que nos gustaría", mais "toca pórse a traballar con Besteiro á fronte para desenvolver un proxecto para Galiza, co obxectivo de "recuperar ese liderado da man do noso candidato".O cabeza de cartel socialista nas eleccións galegas, que non participou da reunión da Executiva do PSdeG, deu "as grazas polas mostras de apoio que estou a recibir. Son un estímulo para min e vou devolvervos esa confianza".

Comentarios