O PSdeG foi terceira forza en 73 dos concellos que goberna e só en cinco conseguiu ser a máis votada

En 20 localidades  onde goberna foi a segunda candidatura en apoios
Besteiro, candidato do PSdeG a presidir a Xunta da Galiza, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Besteiro, candidato do PSdeG a presidir a Xunta da Galiza, (Foto: Nós Diario)

O PSdeG foi terceira forza nas eleccións ao Parlamento de Galicia en 73 dos concellos que goberna, en 20 localidades foi a segunda candidatura en apoios e só en cinco conseguiu ser máis votada.

En concreto, na circunscrición da Coruña, cun 12,94% dos votos, os socialistas son terceira forza en 30 dos municipios nos que ten o bastón de mando un alcalde socialista e só en Camariñas e Dumbría logra ser a segunda lista máis votada.

Pola súa parte, na de Pontevedra, cun 14,73% dos votos, os socialistas son terceiros en 17 municipios dos que goberna e só conseguen ser a segunda candidatura máis votada en Fornelos de Montes.

Na circunscrición de Lugo, cuxa candidatura encabezaba o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, o PSdeG colleita o seu mellor resultado, cun 17,20%, nos concellos que goberna.

En concreto, os socialistas conseguen ser primeira forza nas localidades de Negueira de Muñiz, Pedrafita e Ribeira de Piquín, todas elas con alcaldes do PSdeG  ao mando. Ademais, son a segunda candidatura máis votada en 10 localidades socialistas e en 12 son terceira forza.

Pola súa parte, na de Ourense, cun 12,41% dos votos, a do PSOE foi a lista máis apoiada en Calvos de Randín e Entrimo. Ademais foi segunda forza en sete concellos do PSOE e a terceira candidatura máis votada en 14.

O PSdeG, ademais, quedou de cuarto partido en apoios en Vilamartín e Barbadás, a pesar de ser localidades gobernadas por alcaldes socialistas.

Comentarios