O PSdeG aprobará este sábado o calendario das súas eleccións primarias

Besteiro aínda non confirmou a súa candidatura á Secretaría Xeral.
O secretario xeral do PSdeG, Valentin Gónzalez Formoso, e o candidato do PSdeG á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, no comité nacional (Foto: Nós Diario).
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Valentin Gónzalez Formoso, e o candidato do PSdeG á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, no comité nacional (Foto: Nós Diario).

A executiva do PSdeG reunirase este sábado, 9 de marzo, para aprobar o calendario das primarias e o congreso extraordinario que a formación convocará para o mes de abril. O encontro terá lugar ás 10.30 horas na sede do partido en Compostela e servirá para aprobar o calendario que rexerá este proceso interno.

No comité nacional que tivo lugar a pasada semana, o xefe de filas do PSdeG, Valentín González Formoso, anunciou que o partido fixa para o próximo 7 de abril as súas primarias á Secretaría Xeral e para o día 27 o Congreso Extraordinario co que culminará a renovación da Dirección.

Renovación dos órganos

O PSdeG levará a cabo unha renovación dos seus órganos tras os resultados das eleccións do pasado 18 de outubro, nas que a candidatura encabezada por José Ramón Gómez Besteiro só conseguiu nove escanos, o peor resultado histórico do partido na Galiza.

Tanto dirixentes da formación como o propio Formoso ou a dirección estatal do PSOE fecharon filas arredor de Besteiro, a quen apuntaron como a persoa que debe dar "estabilidade" á formación para fortalecer o seu proxecto de cara ao futuro. Algo que foi cuestionado polo sector crítico do PSdeG e afín a Gonzalo Caballero, que considerou que a Dirección do partido "ocultouse" detrás de Besteiro no lugar de recoñecer a súa responsabilidade tras os "malos resultados".

Aínda que se dá por feito no partido, polo momento Besteiro non confirmou publicamente que optará ás primarias para asumir as rendas do PSdeG, aínda que na xuntanza do pasado sábado, nunha intervención fechada a medios, mostrouse "disposto a defender o proxecto".

Comentarios