Euskadi convoca as prazas para as oposicións mentres a Xunta mira para Madrid

Feijóo partilla a posición do goberno central e descarga na oposición a pelota de aprobar os orzamentos do Estado para que poidan convocarse oposicións en Educación en Galiza. Euskadi convoca 740 prazas de mestre e Andalucía anuncia que convocará oposicións.

A pesar da alerta por coronavirus, Feixoo convoca oposicións ao corpo de profesorado para o 20 de xuño

A incerteza e a inseguridade na que nestes días se atopan miles de persoas en Galiza polo anuncio do estado que deixa no ar a convocatoria de oposicións en Galiza non semella facer mella no presidente da Xunta, que optou por se posicionar á beira do executivo de Mariano Rajoy. Este anunciou que sen orzamentos aprobados para 2017 non hai oposicións. Un escenario que que supón que as previstas para Galiza en educación (mil prazas en 25 especialidades) e sanidade (unhas 800 prazas), non se convoquen.  Cos efectos que iso supón para as miles de persoas que levan tempo preparando esta cita así como para os propios servizos públicos que contaban con nos vindeiros meses con recibir unha ‘inxección’ de recursos humanos que precisan como auga de maio.

Núñez Feijóo botou man do argumento do Executivo central e emprazou a oposición a aprobar os orzamentos do estado para poder así solucionar a situación. A responsabilidade, pois, é da oposición. Se en abril non están as contas xerais aprobadas, indicou, non vai ser posíbel dar ese paso.

O anuncio do Ministerio de Facenda xa provocou que territorios como Extremadura optasen por renunciar a convocar as oposicións. No extremo oposto, Euskadi, cuxo boletín oficial vén de publicar as prazas para a oposición, por volta de 740 prazas de mestre en especialidades como primaria, infantil, inglés, educación especial ou música. Anadalucía tamén anunciou que ía convocar oposicións.

Desde a oposición en Galiza foron moi críticos con Núñez Feijóo e a súa postura a este respecto. Ana Pontón, BNG, emprazou o presidente da Xunta a exercer como tal e "non aceptar isto”. A portavoz nacionalista considera que a decisión do Estado e que isto leve a que non se convoquen as previstas oposicións en Galiza é, de facto, como unha “suspensión da autonomía” de Galiza en temas nos que ten competencia. Luca Chao (En Marea) reclámalle á Xunta que non acepte o  “ordeno e mando” desde Madrid e saque adiante as convocatorias públicas como xa fixeron outras comunidades.

Comentarios