As oposicións en educación na Galiza fican no ar á espera dos orzamentos do Estado

O goberno español vencella a convocatoria de emprego público a que se aproben os orzamentos do estado para 2017.

ensino

Se non hai orzamentos para o goberno, non hai oposicións para ninguén. Esa semella ser a postura do executivo español, que esta cuarta feira comunicou ás autonomías que se non se aprobaban as contas xerais do estado, non ía haber convocatoria de emprego público, unha posición que compromete e deixa no ar as mil prazas en Educación que a Xunta anunciara que ía convocar este ano.

Os orzamentos do estado están a ser a medida que avanza o ano unha baza do xogo político. O propio Núñéz Feijóo botou man dela ao ofrecer ao PSdeG crear 1.600 prazas no Sergas se os socialistas apoiaban as contas xerais do estado propostas polo executivo de Mariano Rajoy.

A portavoz nacionalista, Ana Pontón, sinalou que Partido popular galego demostra ser “subsidiario do ditado do Goberno central e estar  supeditado aos intereses dun goberno en minoría do Estado e non do que necesita Galiza”. Condicionar as contratacións do Sergas e do Ensino público aos orzamentos de Madrid é unha mostra máis da “pouca capacidade que temos para decidir sobre os servizos básicos que ademais temos que financiar nós”.

Comentarios